Estimadas afiliadas e simpatizantes, a Mesa Nacional e a Comisión Executiva de EQUO Galicia deséxavos un FELIZ 2014.
Un novo período comeza con multitude de retos na nosa loita por un mundo mellor. EQUO quere medrar coa vosa axuda para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria coas bases da ecoloxía política e a democracia participativa.
En Galicia aínda somos un grupo pequeno de persoas comprometidas, preto de 700 entre afiliadas e simpatizantes, e necesitamos contar con máis presenza de xente que aporte ideas, traballo e que crea nos nosos valores.
Por isto, convocamos a toda persoa interesada a unha xuntanza para deseñar conxuntamente unha CAMPAÑA DE AFILIACIÓN.
EQUO Galicia cre na transparencia e a participación de todas vós e por iso queremos que veñades e aportedes as vosas perspectivas e iniciativas nesta tarefa. Ademais, esta xuntanza tamén servirá para que falemos dunha ESTRATEXIA DE VISIBILIDADE DE EQUO GALICIA NAS RÚAS, coa posibilidade de levar a cabo saídas con mesas informativas, entre outras medidas.
Merece a pena vir e axudar na construción dun partido ao que votar que defenda valores tan importantes para o cambio do modelo social, económico e medioambiental como os que propoñemos ante a sociedade dende a creación de EQUO. Porque somos diferentes, porque cremos na política como instrumento de cambio real.
A xuntanza vai ser o vindeiro domingo 19 de xaneiro ás 16h no Restaurante Paz Nogueira (Rúa Castiñeiriño 14-16, de Santiago de Compostela). Grazas polo voso compromiso.
Apertas.
A Mesa Nacional e a Comisión Executiva de EQUO Galicia
- Na seguinte ligazón podes acceder ao fío na EQUOmunidade onde centralizaremos o debate na rede sobre este tema: http://equomunidad.org/gl/node/8917
- Tamén temos un evento no Facebook para axudar na difusión da actividade: https://www.facebook.com/events/563547947068708/?ref_newsfeed_story_type=regular
- Achegamos o plan de traballo para este obradoiro, coa idea de que tanto se vos achegades, coma se non, saibades de que se vai falar e fagades desde xa as vosas aportacións: Plan de traballo do taller de afiliacion (PDF)