EQUO Galicia denuncia a continua desfeita medio ambiental das obras do AVE ao seu paso polo macizo central ourensán
Co gallo do Día Mundial da Protección da Natureza, que se celebra cada ano o 18 de outubro, membros de EQUO Galicia visitaron unha parte das obras do AVE na provincia de Ourense, concretamente a zona comprendida entre Portocamba, Campobecerros e Sanguñedo, para comprobar in situ a magnitude dos feitos que veñen provocando as reiteradas protestas da veciñanza e a creación dunha Plataforma para canalizar as mesmas. O obxectivo da visita é mostrar unha das múltiples agresións á natureza que se están a producir en Galicia e sensibilizar ao resto da poboación que quizais viva allea a este tipo de accións contra o noso patrimonio medio ambiental.
Aínda tendo coñecemento do estado das obras na zona, desagradable foi a sorpresa polo alí atopado, vendo a pouca sensibilidade das empresas construtoras que están a executar os diferentes tramos da nova infraestrutura e, o que é aínda peor, a desidia e absoluta falta de control das distintas administracións que teñen que velar polo cumprimento da lexislación medio ambiental vixente: a lexislación sobre augas, sobre paisaxes, sobre ríos, sobre ruídos, sobre actividades perigosas, sobre espazos protexidos, etc.
A zona de obras presenta unha imaxe desastrosa, incluso de abandono: as choivas arrastran sen control todos os materiais xerados por esta actividade e a apertura de pistas e entulleiras deixa a zona nun estado lamentable con prexuízos para os seus habitantes e o medio ambiente da zona. Algúns dos tramos atópanse sen actividade pero con toda a obra chea de cascallos e maquinaria.
Os principais problemas atopados son :
- O impacto paisaxístico que está a soportar a rexión, xa que as construtoras non teñen ningunha medida preventiva para a súa actividade.
- Os danos de todas as redes de estradas locais que está a producir o paso de transportes e maquinaria pesada, con problemas de bacheado e cortes e desvíos en pistas, camiños e estradas.
- A grande cantidade de po depositado en toda a zona, producido polos vehículos das obras e a propia actividade de desentullo que afectan directamente aos núcleos de poboación.
- A contaminación acústica que soporta a veciñanza, xa que a maquinaria traballa 24 horas ininterrompidamente.
- E o máis grave de todo: a grancantidade de verteduras de materiais minerais, terras e materiais de construción (illantes químicos, aditivos dos formigóns e po de cemento) que están a sufrir os ríos e acuíferos da comarca. As empresas verten directamente a estes ríos e as medidas de contención non están a funcionar, atopándose en estado lamentable e non facendo a súa función.
As balsas de decantación apenas reteñen a auga diaria da propia obra e a cousa agrávase cando se pon a chover xa que as escasas medidas de contención non poden con tal cantidade de auga e acaban directamente no río Camba.
Trátase dunha agresión medio ambiental e dun atentado ecolóxico en toda regra que EQUO Galicia pensa que podería ser constitutivo dun delito ambiental.
Atopámonos con regatos nun estado desastroso, como o exemplo do Regato Valcovo, que
desemboca no Río Camba e que arrastra materiais grises e algas brancas cara ao río, e que incluso están a producir a colmatación da canle.
Tamén temos dúbidas sobre os motivos que levaron á localización da boca do túnel sobre unha confluencia de ríos, a pesar das potenciais contradicións legais que xorden coa Lexislación de Impacto Ambiental, a Lei de Augas, a Directiva Marco da Auga e a Directiva Hábitats 92/43 CEE, ao tratarse dun hábitat prioritario. Condición esta última que se podería perder de se veren gravemente modificadas as características que a fixeron merecedora desta protección. Sorprende, así mesmo, que a administración careza dun plan de seguimento de control ambiental.
EQUO Galicia tamén recolleu as preocupacións de veciñas e veciños que xa están fartos de sufrir todas as molestias mencionadas, que afectan á súa saúde e ameazan a súa contorna. Esta xente está a ver, día a día, como as construtoras verten constantemente aos regatos e ríos preto das súas vivendas, contaminando a auga e matando toda clase de vida que neles habitaba, xa que a sedimentación de materiais nos fondos dos ríos afectados é brutal. Lembrábannos que denunciaron estes feitos ao Seprona e que segundo eles a resposta foi que “non atoparon ningunha clase de vertidos”, incrible á vista das imaxes.
EQUO aposta polo transporte ferroviario como unha das chaves para unha vertebración efectiva do territorio, e aínda que a Alta Velocidade non era precisamente a maior prioridade de investimento na rede ferroviaria galega, é difícil entender como as empresas concesionarias dos grandes orzamentos que se manexan neste tipo de infraestruturas non fan o mínimo investimento necesario para a protección do patrimonio do territorio no que están a actuar. A lóxica indica que o diñeiro aforrado en medidas de prevención medio ambiental ingrésano directamente nos seus beneficios, e á vista está que prefiren non facer nada ante a complicidade da administración que non leva ningún control sobre estas obras.
Precisamente, é o papel que lle toca xogar ás distintas administracións neste tipo de actuacións o máis difícil de xustificar e comprender. Encargadas de garantir que a execución das obras se leva a cabo do xeito máis respectuoso posible co medio ambiente, velando polo cumprimento da lexislación existente e aproveitando, ademais, para a realización de melloras no contorno que puideran dalgún xeito compensar nunha pequena parte as molestias que están a padecer as poboacións da zona, a súa inacción deixa unha vez máis indefensa e totalmente desprotexida á cidadanía fronte a este tipo de agresións.
Esixímoslle á Xunta de Galicia, especialmente á Consellería de Medio Ambiente, e tamén á Confederación Hidrográfica do Douro, que elaboren controis mensuais sobre as obras e que leven a cabo análises da calidade das augas nas zonas das verteduras, xa que intuímos que a calidade das augas dos ríos Támega, Camba e Parada se está a ver afectada polas verteduras das citadas obras, co evidente risco para a poboación, fauna e flora locais ante a chegada das choivas e do inverno.
Consideramos, ademais, que se teñen que tomar medidas urxentes para frear a constante escorrenta de sedimentos aos ríos da zona e o desbordamento das balsas de decantación. As obras carecen da infraestrutura necesaria para minimizar o impacto ambiental, e temos serias dúbidas de que se poidan deixar os ríos e as súas marxes no seu estado anterior ás obras unha vez rematadas estas.
Por último, EQUO propón que a creación de espazos protexidos non se faga a modo de “illas ecolóxicas”, sendo necesario aumentar a zona a protexer con “corredores ecolóxicos” que garantan a adecuada conservación das zonas perimétricas destes espazos.
EQUO Galicia está a recopilar información para a presentación de denuncias ante os diferentes órganos administrativos implicados (Consellería, Ministerio e Confederación Hidrográfica) e ante o Valedor do Pobo, xa que entendemos que a día de hoxe non se están a tomar as medidas necesarias para evitar este auténtico atentado ecolóxico nunha zona dun gran valor medio ambiental, entrada do Parque Natural do Invernadeiro. Unha vez dispoñamos de toda a documentación necesaria para ter os suficientes indicios dun delito ecolóxico, acudiremos á Fiscalía Provincial.
Como parte desa documentación, achegamos o gráfico recollido na Figura 1, no que se poden observar os diferentes focos de impactos que están a producir un constante carrexo de sedimentos nos ríos da zona nas épocas de choiva, sendo o río Camba o principal prexudicado. Estes impactos inciden gravemente nun dos principais elementos patrimoniais desta zona, os recursos naturais que aportan capital tanto por medio do turismo vinculado á natureza como polos servizos que prestan os ecosistemas máis afectados na zona (pesca, biodiversidade, paisaxe e benestar social). É un novo golpe sobre unha economía local que está a sufrir nas últimas décadas unha despoboación das máis agudas de Galicia, e unha mostra máis da tendencia ao abandono da administración sobre estas zonas interiores de Ourense.

Ministerio de Medio Ambiente, Instituto Geográfico Nacional (IGN) e SITGA.
Nesta ligazón tes un pdf co contido desta entrada: http://www.equomunidad.org/sites/default/files/verteduras_adif.pdf