Verdes EQUO pide un plan de investimentos para o tren convencional da cornixa cantábrica cos Fondos Europeos de Reconstrución

A deputada de Verdes EQUO, Inés Sabanés, rexistrou no Congreso unha proposición non de lei (PNL) para a defensa do ferrocarril convencional da cornixa cantábrica cun plan de investimentos específico ligado aos Fondos Europeos de Reconstrución e aos Orzamentos Xerais.

Verdes EQUO pretende conseguir o compromiso do Goberno central para a mellora e mantemento das liñas xa existentes, para a mellora das telecomunicacións, da sinalización, da electrificación, os trazados, das estacións, o estado e conservación dos convois e da accesibilidade ao tren, así como para para a supresión dos pasos a nivel aínda operativos.

A liña de Renfe-FEVE que parte de Oviedo cara a Ferrol, afectada por continuas supresións de servizos pola falta de maquinistas e de persoal, sería unha das beneficiadas por este plan, xa que permitiría acondicionar o seu percorrido e aumentar as frecuencias entre esas cidades. Esta liña ten capacidade para ser un importante eixo de comunicación no norte da provincia da Coruña, xa que atravesa as comarcas de Ferrolterra e Ortegal.

Para Verdes EQUO, a recuperación e funcionamento óptimo do ferrocarril da cornixa cantábrica servirá para vertebrar a actividade social e económica entre poboacións e para transformar este medio público nun transporte de persoas e mercadorías con futuro: accesible, social, sostible, moderno e de calidade.