A existencia das granxas de visóns supón un perigo potencial para a saúde pública, polo potencial destes animais para infectarse e transmitir o COVID-19 entre eles e ás persoas. Este problema supón un perigoso engadido ao enorme conflicto ético que xa supoñen as prácticas da industria peleteira, que producen un maltrato e sacrificio masivo de animais cada ano.
Representantes da organización “Tu abrigo su vida” trasladaron a Verdes EQUO Galicia a súa preocupación por este problema sanitario. Os datos son preocupantes, xa que máis de 300 granxas de Europa e EEUU xa rexistraron infeccións, que rematan por afectar aos traballadores das mesmas e aos residentes próximos. O risco de zoonose é alto e a todo isto engádese a evidencia científica de que os visóns poden ser transmisores asintomáticos, complicando a determinación de cantos animais están contaxiados se non se producen testeos rutinarios protocolizados.
Galicia está especialmente exposta a este problema, xa que aquí concéntranse a maior parte de granxas de visóns do territorio español. Hai dispoñible información detallada na web tuabrigosuvida.org
Desde Verdes EQUO Galicia mostramos o noso apoio ao traballo da organización Tu abrigo su vida. E co fin de solicitar ao Goberno que se implemente un sistema de vixilancia continua, mediante o que se realicen test RT- PCR semanais a traballadores e animais e así detectar precozmente os gromos de coronavirus que puideran surxir.
Seguiremos traballando e apoiando todas as iniciativas que conduzan ao peche destas granxas de maltrato animal innecesario e para que haxa o máximo control sanitario ata que isto non se produza.