O precario mantemento da infraestrutura da liña entre Vigo e Ourense fai que haxa continuos cortes da vía e atrasos nos trens.
Esta liña, que discorre case na súa totalidade pola ribeira do Miño, é un eixo importante que comunica Vigo e Ourense e posibilita o acceso ferroviario desde Vigo ata a meseta.
Pero ademais contribúe á comunicación de diversas localidades e vilas como Porriño, Salvaterra do Miño, Arbo ou Ribadavia. A súa infraestrutura, xa adaptada ao territorio, faino ideal para evitar o despoboamento rural provindo dun medio de transporte próximo, ecolóxico e seguro.
Como partido Verde, reivindicamos o tren convencional como medio de transporte sostible. Así o manifestamos no noso programa electoral das pasadas eleccións autonómicas, onde propoñiamos unha Lei Autonómica de Mobilidade Sostible, que potencie o uso da rede ferroviaria e a implantación dos trens de proximidade.

Lamentamos que precisamente en 2021, Ano Europeo do Ferrocarril, liñas como a do Miño sufran dun mantemento insuficiente, coma nos últimos anos.
Desde o partido ecoloxista consideramos que os investimentos en liñas ferroviarias como esta, deben incluírse nos Fondos Europeos de reconstrución.
Unha boa xestión e un aumento de frecuencias, contribuiría a mellorar as calidade de vida dos veciños das comarcas polas que discorre esta liña. Esta liña tamén podería fomentar un modelo de turismo sostible, posibilitando acceder ás localidades, espazos naturais e áreas de esparexemento que ofrece este roteiro.