Verdes EQUO Galicia considera que a revisión do plan forestal é unha pésima lei para o medio natural e o mundo rural

Como organización ecoloxista faremos todo o posible para evitar a aprobación do novo plan forestal, tal e como está redactado, xa que non atopamos ningún criterio sostible nin medioambiental no mesmo.

O plan que se atopa na fase de tramitación parlamentaria non se traballó en consenso coas principais asociacións en defensa do monte, de defensa do monte comunal, forestais, gandeiros, agricultores, científicas e ecoloxistas. Creemos que unha lexislación que implica tanto, debe contar co maior consenso social posible e que para elo a Xunta de Galicia debe convocar a tódolos axentes implicados para lograr deseñar un plan forestal acorde a realidade actual e que deseñe un monte sostible para os próximos 20 anos pero indiscutiblemente cara o futuro.

Este Plan Forestal pon de manifesto unha visión totalmente productivista e economicista do monte, obviando os valores  ambientais e os servizos vitais que o monte aporta a cidadanía e a biodiversidade autóctona coa cal compartimos o medio natural.

Sumámonos ás voces críticas do plan forestal, e apoiaremos a mobilización “Por un monte Galego con futuro” do día 23 de febreiro.

Debemos ordenar o monte de xeito mais diverso, onde se mesture a explotación forestal, coa conservación e coa paisaxe. Un novo modelo onde o valor engadido dos produtos forestais permitan un maior sustento económico do rural que, hoxe en día, co actual modelo e co modelo continuísta recollido neste plan, o único que conseguiu foi que o rural siga tendo grandes faltas de  oportunidade de negocio para a súa pervivencia.
O modelo de eucalipto soamente reporta beneficios ás grandes superficies de monocultivo e ás empresas que transforman esa materia prima. Os pequenos produtores reciben mínimos ingresos, debido ás pequenas extensións que posúen.

Tamén nos preocupa, en aras da transparencia, que esta revisión elaborouse seguindo as recomendacións da “comisión forestal” que non se sabe quen a compón, pero supoñemos que poda ser un colectivo de perfil máis industrial e económico que científico, vendo o resultado presentado.