VERDES EQUO Galicia apoia a iniciativa “En Defensa do Porto – A Coruña non se vende”

O manifesto esixe a condonación dos préstamos de Portos do Estado á Autoridade Portuaria da Coruña, que a conexión ferroviaria co porto exterior sexa garantida nos orzamentos do Estado e a devolución gratuíta dos terreos da fachada marítima para unha reordenación e desenvolvemento sostible.

Ademais, esta iniciativa á que se sumaron máis de 40 colectivos sociais, asociacións e outras entidades, VERDES EQUO entre eles, insta á constitución dun consorcio ou ente público coa participación da Autoridade Portuaria da Coruña, Portos do Estado, Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia, ADIF e Concello da Coruña para a xestión do novo horizonte litoral, no que o Concello da Coruña teña garantida a participación suficiente para a súa  execución. E tamén establecer mecanismos de participación para recoller as opinións de organismos empresariais e sindicais, concellos da comarca, Universidade da Coruña, entidades cívicas e veciñais.

O manifesto declara que o novo horizonte litoral e portuario debería estar baseado nos principios de titularidade e xestión públicas dos terreos, con equipamentos públicos, zonas verdes e espazos libres públicos. Que o porto sexa o motor económico e de emprego da cidade con usos produtivos portuarios e complementarios non contaminantes, vencellados á economía do mar.

O texto do manifesto recolle moitas das propostas que defendemos desde VERDES EQUO para a xestión e ordenación urbana e metropolitana, como a reordenación dos espazos portuarios cunha recuperación das  relacións da cidade co mar e o desenvolvemento de actividades produtivas competitivas e sostibles.

Ademais, a iniciativa solicita atender os problemas de mobilidade da comarca dun xeito sostible, coa chegada a  San Diego do tren de proximidade A Coruña-Betanzos, cunha posíbel ampliación até a proximidade do peirao de Batería e a creación dunha Estación marítima para a comunicación por mar.

En definitiva, unha recuperación do bordo litoral a escala urbana e metropolitana, protexendo a fachada histórica e a visibilidade do mar e o patrimonio público e sustentabilidade ambiental de todas as intervencións dos  espazos portuarios desafectados,

VERDES EQUO sumámonos á convocatoria da manifestación que percorrerá as rúas da Coruña o 30 de  maio (12 h. desde a Praza da Palloza), en defensa do porto da Coruña para reclamar estas demandas.