Urxen outras políticas forestais para evitar os grandes incendios en Galicia

Un ano máis, os incendios arrasan miles de hectáreas na provincia de Ourense. Máis de 7.000 hectáreas ardidas nos principais incendios nos concellos de Cualedro, Rairiz de Veiga, Vilariño de Conso, Vilar de Barrio, Chandrexa de Queixa… e Lobios, con máis de 2.000 hectáreas queimadas, e danos no Parque Natural da Baixa Limia-Xurés.

Verán tras verán os incendios queiman miles de hectáreas en Galicia. Os efectos do cambio climático son xa moi evidentes, con moitos días seguidos sen precipitacións e con temperaturas máis altas do normal. Hai moito traballo por facer, na prevención, na xestión do monte e na organización da extinción dos incendios.

Dende diversos colectivos como o Comité de Defensa do Monte Galego, protestan ante a mala xestión forestal de prevención e de extinción dos incendios, falta de medios, etc. Tamén alcaldes de concellos afectados claman ante a falta de medios na loita contra o lume.

EQUO Galicia considera que urxe un gran cambio das políticas de xestión do monte que sirvan para a prevención dos incendios, así como un servizo público de extinción de incendios cunha mellora da dotación, coordinación e organización dos medios. Así como unha maior vixilancia das zonas mais proclives a ser queimadas, sobre todo nos períodos onde se dan as mellores condicións para provocar grandes incendios, como nesta semana.
Por esta razón pedimos explicacións e responsabilidades a Tomás Fernández Couto, Director Xeral de Montes, que nunhas desafortunadas declaracións afirmaba que xa se esperaban esta vaga de lumes sen a día de hoxe ter constancia de ningún operativo especial de incremento da vixilancia nesas zonas.