EQUO Galicia anima a participar na manifestación contra a caza do 5 de febreiro en Pontevedra.
Considerando a gravidade do último incidente en Lleida e que a Xunta segue a autorizar batidas contra o lobo, EQUO Galicia considera que cómpre animar a participar a todas as persoas sensibles ante a caza nas distintas manifestacións convocadas para o 5 de febreiro. En Galicia sairemos ás 12 da praza de España na cidade Pontevedra. A convocatoria coincide co fin da tempada da caza con galgo e 25 cidades do estado movilzaranse a un tempo(1).
Queremos lembrar o noso firme rexeitamento pola caza e afirmar que sobran as razóns polas cales se debe participar nestas convocatorias. Un dos exemplos pode ser o grave incidente en Lleida no que perderon a vida dous axentes rurais a mans dun cazador con licencia e con todos os trámites psicotécnicos en regra.
Do mesmo xeito, desde EQUO Galicia queremos lembrar que esta fin de semana vén de realizarse unha batida contra o lobo en Friol (na provincia de Lugo) autorizada pola Xunta de Galicia e lamenta que as institucións permitan estas accións nas que, incluso ante as cámaras, se empregan fogos de artificio cando o uso dos mesmos están prohibidos. O resultado de toda a actividade dese día foi un can morto. Un balance que todas deberíamos considerar pobre e desgraciado.
Tampouco queremos esquecer que en Guitiriz o pleno do concello pide batidas contra o lobo á vez que os periódicos máis vendidos son voceiros dunha campaña contra o lobo ibérico.
Considerando todos estes exemplos e as razóns éticas (coidado dos animais tanto salvaxes como domésticos e preservación do entorno) e prácticas (prevención de riscos de accidentes con resultados que poden ser mortais para as persoas), desde EQUO Galicia reclamamos o fin da caza, a protección do lobo ibérico, eliminándoo da lista de especies cinexéticas. Igualmente, mentres non se prohiba o seu uso, esiximos que se reforcen os controis de identificación dos cans utilizados nestas actividades para evitar perdas e abandonos de animais e aproveitamos para denunciar que se permita no país a presenza de menores de 18 anos nas cacerías. Por riba de todo isto, demandamos o dereito de todas a usar o monte con seguridade.
Por todas estes motivos, invitamos a todas as persoas que se unán a nós para que o 5 de febreiro enchamos as rúas de Pontevedra para pedir o fin da caza.
Ademáis, o 12 de marzo iremos a Madrid a reclamar que Galicia é terra de lobos e que queremos o lobo vivo.
(1) Podes consultar as convocatorias aquí: https://www.facebook.com/events/141150773051955/