Semana Europea da Mobilidade: Precisamos que a mobilidade do mañá sexa sostible

A mobilidade debe garantir as necesidades tanto da poboación urbana como rural. O uso da bicicleta e do tren teñen que ser reforzadas e apoiadas dende os poderes públicos. E os desprazamentos a pé, tan importantes no noso día a día, deben poder realizarse con total seguridade nas nosas cidades, vilas e aldeas.

O tren convencional, con liñas existentes desde hai décadas, cumpre un labor fundamental na vertebración do territorio. Posibilita a comunicación de todos, o que contribúe a impedir o despoboamento da contorna rural. Por iso, nesta Semana Europea da Mobilidade, VERDES EQUO Galicia reiteramos a nosa preocupación polo abandono de liñas de tren como a da Coruña-Lugo, con tan só dous trens ao día. A electrificación da liña e a mellora de servizos nas estacións, permitiría a implantación do Tren de Proximidade. Un tren que vertebre o territorio e mellore a calidade de vida no medio rural debe formar parte da mobilidade sostible en Galicia.

No caso da liña do Miño entre Ourense e Vigo, Renfe tan só ofrece un tren ao día con paradas intermedias. Os veciños de Porriño, Salvaterra, As Neves, Arbo, Ribadavia e outras poboacións necesitan un tren eficaz que é un medio de transporte sostible e reduce as emisións de gases nocivos.

A bicicleta debe formar parte da mobilidade nas cidades e no medio rural. Hai moitas medidas que poden contribuír ao uso da bicicleta: un plan Renove que axude á compra de bicis, construción de aparcamentos cubertos para bicis nas nosas cidades e vilas, creación de itinerarios seguros en vías urbanas e interurbanas, facilitar os desprazamentos tren+bici…

Os autobuses urbanos, metropolitanos e interurbanos deben ser unha alternativa real, eficaz e ao alcance de todos fronte ao vehículo privado. Debemos reducir as emisións de gases nocivos nas nosas contornas urbanas e facilitar o uso do transporte colectivo a todos. Con redución de tarifas, mellora nos transbordos e ampliación de horarios e frecuencias.

Nas nosas rúas debe haber unha distribución adecuada do espazo público. As persoas con mobilidade reducida e calquera persoa temos dereito á unha mobilidade segura e sostible sen discriminación por características psicofísicas da persoa.

En VERDES EQUO Galicia defendemos unha mobilidade sostible que debe ser a mobilidade do mañá. Na loita contra o cambio climático e no beneficio da saúde das persoas !