Reunión entre a Comisión Executiva Federal de Verdes EQUO e representantes de Verdes EQUO Galicia

O pasado 5 de Decembro celebrouse unha reunión en liña entre Verdes EQUO Galicia e representantes da Comisión Executiva Federal (CEF) de Verdes EQUO. Os participantes por parte de Verdes EQUO Galicia foron Néstor Vázquez, Alberto Prieto e Txemi Jiménez. Por parte da CEF asistiron Txema Olleta (responsable da área organización e relación con órganos federais e territoriais) e Marian Graña (responsable da área financeiro-administrativa- RRHH).
 
No encontro analizouse o traballo que se está desenvolvendo en Verdes EQUO Galicia e as estratexias de futuro a desenvolver a partir de 2021. Desde a CEF trasladouse un apoio total ao traballo realizado por Verdes EQUO Galicia.
 
Entre os temas tratados, houbo un oco para analizar a presentación da candidatura de EQUO Galicia nas eleccións autonómicas do pasado mes de xullo. Neste sentido, o feito de que por primeira vez houbese papeleta verde nas eleccións ao Parlamento Galego cun programa centrado na ecoloxía política a desenvolver en Galicia, supuxo unha visualización da alternativa verde que se irá abrindo oco no panorama político.
 
En canto aos obxectivos aos que facer fronte a curto prazo, expuxéronse algúns dos retos máis significativos que afectan o desenvolvemento sostible en Galicia, como son a problemática do eucalipto, as carencias e depoblación do medio rural e os proxectos de grandes parques eólicos que alteran a calidade de vida e as producións gandeiras ecolóxicas.