O pasado sábado varios colectivos ciclistas e ecoloxistas reclamaron a Renfe máis facilidades para acceder coa bici ao tren. Renfe é unha das compañías ferroviarias a nivel europeo que máis trabas e dificultades pon para viaxar coa bici no tren. Lonxe de facilitar esta intermodalidade sostible, Renfe mantén nos últimos anos unha política de incremento da dificultade para o acceso das bicis.
En Galicia temos varios exemplos de como Renfe “convida” a non viaxar coa bici no tren: a normativa actual de Renfe redúcese a permitir subir as bicis en función do nome comercial co que circule o tren, polo que en Galicia unicamente pódese acceder con bici nos trens Rexionais e Media Distancia.
Renfe incumpre a súa propia normativa na liña A Coruña-Ferrol, xa que o convoi utilizado non dispón de espazo para bicicletas, polo que non se permite levalas. Esta liña sufriu un retroceso xa que os trens utilizados fai algo máis de dez anos si dispoñían de espazo para bicis.
Outra circunstancia difícil de entender é o que ocorre coa liña A Coruña-Santiago-Ourense: cunha frecuencia duns oito trens diarios baixo o nome comercial ” Avant” e realizada cos mesmos vehículos que a Media Distancia, Renfe non permite levar bicis en toda a liña aínda cando dispoña de espazo específico para tres bicis.
Os trens que percorren a liña A Coruña-Vigo dispoñen unicamente de tres espazos para bicicletas. Cantidade claramente insuficiente, co agravante do “castigo” que supón para o viaxeiro o custo de 3 € por bici e traxecto, se a distancia é maior a 100 km. Nunha viaxe de ida e volta A Coruña-Pontevedra, o prezo á “sustentabilidade” supón un extra de 6 € para o viaxeiro. Por que este castigo?

Por desgraza, a compañía pública Renfe afástase do referente ferroviario europeo. Miramos con envexa as facilidades nos trens europeos, incluíndo Portugal, para posibilitar a intermodalidade bici+tren, que reduce a contaminación nos desprazamentos e contribúe á loita contra o cambio climático. Unha empresa pública como Renfe debe ser exemplo doutras políticas. Desde VERDES EQUO Galicia sumamos o noso berro ao dos colectivos que o esixiron o pasado sábado nas estacións galegas: BICI NO TREN XA!