Presentadas máis de 200 emendas aos Orzamentos Xerais do Estado

Más País-Verdes Equo rexistraron 226 emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para “transformalos nuns orzamentos verdes e xustos”. Estas propostas abarcan todo o territorio nacional e céntranse en medidas para frear a emerxencia climática con xustiza social.  Trátase dun amplo número de melloras que tamén conteñen medidas concretas para Galicia:

A modernización da liña de Feve Ferrol-Ribadeo coa renovación da frota de trens e contratación do persoal necesario para asegurar a calidade do servizo, así como a elaboración do proxecto técnico para a electrificación da liña. O ferrocarril de vía estreita, totalmente asentado no territorio, pode ser de gran utilidade á poboación de Ferrolterra, Ortegal e Mariña Lucense.

Outra das medidas propostas é a recuperación das liñas de trens nocturnos, como as que unían Galicia con Cataluña ou Galicia con Madrid. É de suma importancia a recuperación do tren nocturno, apostando e reinvestindo en trens eficientes de calidade e alcanzables, que articulen mellor o territorio e que sexan unha alternativa atractiva e eficaz ante medios de transportes menos sostibles como o avión.

No ámbito do Ministerio para a Transición Ecolóxica, achéganse dúas emendas: por unha banda para a rexeneración da ría do Burgo, que a pesar de ter créditos consignados de maneira periódica os traballos non foron abordados. De iniciarse estes traballos no ano 2022 o financiamento debe corresponder á do primeiro exercicio previsto e non iniciarse cunha dotación inferior.

Por outra banda, proponse a realización dun novo proxecto para a recuperación da Lagoa de Antela e da contaminación por nitratos que afecta o encoro de As Cunchas na conca do río Limia. A Lagoa de Antela, na conca do río Limia, foi desecada na época franquista (1958) buscando ampliar zonas de cultivo. Contaba cunha superficie aproximada de 3600 hectáreas que ocupaba varias aldeas da comarca. Actualmente a Lagoa de Antela sería considerada unha zona moi importante a nivel ecolóxico.

A conca do río Limia soporta desde hai décadas a presión do aumento de macrogranjas de porcos e aves ata o punto de que en 2014 a situación era que a carga contaminante das granxas era coma se houbese 1,4 millóns de persoas (a metade da poboación total de Galicia) nun territorio coa superficie do 1% de Galicia. Hoxe a situación empeorou debido á roliferación de macrogranjas dos últimos anos. Existe un estudo do CSIC e da Sociedade Galega de Historia Natural que proba que a orixe dos nitratos na conca do Limia é de orixe animal non humano. A proposta é que para reducir a contaminación por nitratos de orixe agraria na conca do río Limia hai que actuar sobre a orixe, recuperando integralmente a Lagoa de Antela dotando a España e á comarca da Limia cun motor económico de marcado carácter ecolóxico recuperando un dos maiores humidais da península ibérica.

O conxunto de emendas presentadas aos Orzamentos Xerais do Estado pretenden ser unha mirada ao futuro, mellorando as condicións de vida do presente.