Polo dereito á saúde mental

Hoxe, 24 de maio celebramos en España o día do #OrgulloLoco para reivindicar a saúde mental de todas nós.

Dende EQUO Galicia apoiamos ao colectivo do #OrgulloLoco #MadPride, e defendemos un modelo de sanidade onde a saúde mental e psicolóxica recupere un papel fundamental á altura do recoñecemento que teñen outros eidos dos nosos corpos físicos.

Queremos apoiar a loita contra os estigmas que aínda existen hoxe contra pacientes ou expacientes psiquiátricos e contra as persoas que teñen algún trastorno ou diversidade funcional de orixe psicolóxico. Debemos normalizar a presencia de todas estas persoas na sociedade, romper os tabús asociados e reclamar un debate público aberto e sen prexuízos sobre a saúde mental.

Tamén queremos poñer no foco os crecentes problemas de saúde mental que afronta a meirande parte da sociedade. Falamos de problemas que a día de hoxe son unha auténtica vaga silenciosa como o estrés, a ansiedade, a depresión e os suicidios. Todos estes problemas están en aumento e están relacionados directamente co funcionamento actual da nosa sociedade. Ante as crises económicas, ante a precariedade laboral, ante a incapacidade de conciliación familiar e de compatibilizar a dimensión dos coidados, ante os discursos do odio… En definitiva, ante a incerteza coa que abordamos o noso futuro próximo e de non sentir unha seguridade.

Reclamamos desta forma non só acabar cos estigmas sociais e un modelo de sanidade que reforce a dimensión psicolóxica da saúde, senón unha reformulación da nosa sociedade e da nosa economía. Unha sociedade que levante o pé do acelerador e que poña ás persoas e ao planeta no centro. Na que a nosa saúde e a das seguintes xeracións, sexa o principal obxectivo.

#SaúdeMentalParaTodas #SaludMentalParaTodas