Participamos na viaxe reivindicativa en apoio do tren do norte peninsular

O tren de vía estreita, o antigo FEVE, que discorre desde Ferrol a Bilbao, está a ser abandonado polas políticas de investimentos e servizos de Renfe.

Diversas plataformas en apoio ao tren de Ancho Métrico (actual denominación do antigo Feve), organizaron unha viaxe reivindicativa que percorrerá toda a liña, chegando a Galicia o domingo 29 de maio.

VERDES EQUO Galicia, como membro da Plataforma en defensa do tren A Coruña e as Mariñas, apoia e participa deste acto reivindicativo, no que pedimos melloras, investimentos, persoal, máis frecuencias e todo o necesario para que este tren que vertebra o norte peninsular sexa unha alternativa ecolóxica e sostible ao vehículo privado motorizado.

Colleremos a testemuña da viaxe iniciada en Bilbao, o día 29 ás 11:30 h en Ribadeo, onde chegarán as compañeiras procedentes de Asturias. En Ribadeo realizaremos un acto reivindicativo que mostre as peticións e demandas para un ferrocarril público, social, ecolóxico, eficiente e sostible.

Ás 15 h arrincará o noso tren en dirección a Ferrol, onde termina a liña de vía estreita. Ademais, prolongaremos a nosa viaxe reivindicativa ata Coruña para mostrar a nosa petición de melloras e aumento de frecuencias na liña que une as dúas cidades. Unha alternativa por ferrocarril que dea servizo a unha importante área metropolitana e que leva anos demandando a implatación do tren de Proximidade.

O manifesto das Plataformas convocantes da viaxe reivindicativa demanda un plan integral e específico de transporte, con medidas urxentes e eficaces a favor de a ferroviario público, social, sostible e de calidade, para que este sexa o eixo vertebrador do transporte nas rexións polas que discorre, e que outros modos e medios de transporte non sexan competitivos nin alternativos, senón conseguer unha coordinación con este e alimentalo.

No devandito plan debe ter estes obxectivos :
– Incrementar as frecuencias e axustar os horarios ás necesidades da poboación.
– Puntualidade, con desviacións que nunca superen os cinco minutos en destino.
– Coordinación con outros modos e medios de transporte, con billete único, para facilitar os traslados en viaxes que requiran varias etapas entre orixe e destino.
– Electrificación, inmediata nos tramos xa iniciados e implantación progresiva nos tramos non iniciados.
– Ampliación da vía nos tramos de maior densidade de tráfico.
– Recuperar, en todos e cada un dos tramos, os tempos de viaxe históricos máis curtos.
– Desaparición inmediata dos traslados a autobuses ou taxis, salvo en caso de extraordinaria necesidade e sempre que se xustifique.
– Información en tempo real ao viaxeiro, en todas as paradas, sobre as incidencias.
– Conexión das liñas cos centros xeradores do transporte de mercadorías ou da súa multimodalidade (Plataformas Loxísticas, portos marítimos e portos secos, etc.).
– Mantemento preventivo e renovación da flota de trens. Adquisición de material rodante axeitado para a nosa liña.
– Inclusión do Corredor Transcantábrico no Corredor Atlántico da Rede Básica Ferroviaria Española e Transeuropea, con tráfico mixto de persoas e mercadorías.

ANÍMATE E SOBE AO TREN O 29 DE MAIO !!