EQUO Galicia fai un chamamento a todas as persoas e organizacións para dar voz ao ecoloxismo en Galicia
EQUO Galicia celebrou o pasado dia 23 de xaneiro unha asemblea na que debateu sobre a súa postura de cara ás próximas eleccións autonómicas.
Unha das decisións tomadas foi a de facer un chamamento a todas as persoas e movementos ecoloxistas do país, coa intención de conformar unha «onda verde» que contribúa á construción do espazo de confluencia política ou «Marea Galega» cidadá, cos valores de radicalidade democrática e sostibilidade da Ecoloxía Política.
Por unha banda, EQUO Galicia considera imprescindible a conformación dun movemento de base cidadá de cara ás eleccións galegas, polo que mostra a súa decidida vontade de colaboración coa iniciativa autoxestionada posta en marcha polas mareas municipalistas, a «Marea Galega».
Por outra, a formación ecoloxista galega declara a súa intención de construír unha «Onda Verde» que sume multiplicando, desde dentro, para garantir a presenza dos principios da Ecoloxía Política na «Marea Galega». A radicalidade democrática, a través da celebración de primarias abertas á cidadanía, e o respecto á sustentabilidade social, económica e medioambiental na construción do programa, serán as cuestións fundamentais sobre as que vehiculará as súas achegas.
EQUO Galicia comezará a facer unha rolda de contactos con outros partidos políticos, organizacións, actores e toda persoa interesada neste proxecto de carácter integrador. O manifesto e principios pode consultarse na web www.ondaverde.gal onde calquera interesada en recibir información pode inscribirse e participar desde o inicio.