Preocúpanos moito o impacto ambiental nunha zona recalificada xa que ocuparía 20 hectáreas de chan rústico de especial protección forestal.
Un novo erro na política medioambiental da Xunta de Galicia. Isto é o que consideramos sobre a construción dun vertedoiro para depositar a ceo aberto residuos industriais perigosos en Lousame. Sabemos que o grao de reutilización dos materiais que alí se soterrará é de aproximadamente un 22%. Isto fainos pensar que se tratará dun novo vertedoiro ao aire libre que se quere “vender” baixo unha falsa aparencia de recuperación sustentable.
Os materiais “reciclados” pasarán a ser combustible, exclusivamente, para as cementeiras, outro sector no punto de mira dos focos da contaminación. Os residuos industriais poden conter produtos químicos volátiles, materiais perigosos e contaminantes que consideramos deberían ter un tratamento máis sensible que a súa simple vertedura e soterramento.
Observamos con indignación como se volve a optar por un sistema mixto de incineración e vertedoiro que é do máis prexudicial para o medio ambiente. Con isto, constatamos que a Xunta de Galicia desoe as recomendacións da Unión Europea que suxire outros métodos de xestión de residuos como son a transformación, re-utilización e reciclaxe e lamentamos que, aínda estando no século XXI, se continúen a cometer os mesmos erros que na década dos 70.
Apoiamos publicamente a xusta reivindicación de prohibición do vertedoiro industrial feita pola Plataforma contra o novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame. Deste xeito, instamos a corporación local a que non decida con tanta présa o permiso dese gran vertedoiro de produtos de alta toxicidade.
A seguridade e a saúde das persoas están en xogo e, polo tanto, consideramos que a veciñanza precisa participar do proceso e isto nunca será posible con tan pouca información e consulta. Temos constancia de que todas estas xestións estanse a levar de costas aos veciños de Lousame, á quen ninguén lles explicou con que clase de residuos van traballar no vertedoiro e as terribles consecuencias que iso pode ter para o medio e a súa propia saúde.
CONCELLO DE LOUSAME (A Coruña)