O pleno do Concello aprobou declarar A Coruña como “cidade contraria ao maltrato animal”

A moción foi presentada polo grupo de Goberno, en colaboración coa Asociación Animalista Libera que, a súa vez, tamén se coordinou con outras entidades en defensa dos animais.

A Cámara municipal aprobou a iniciativa que declara A Coruña “cidade contraria ao maltrato animal”, cos votos a favor dos e das concelleiras do equipo de Goberno de Marea Atlántica, o PSOE e o BNG, e a abstención do PP.

EQUO A Coruña, como integrante da candidatura de confluencia de Marea Atlántica e presente no equipo de gobierno co noso compañeiro Daniel Díaz, concelleiro de Mobilidade Sostible, mostra a súa satisfacción pola iniciativa aprobada.

O texto da iniciativa propón que o Concello se comprometa a realizar campañas de sensibilización, tanto propias como conveniadas con entidades que traballan en defensa dos animais. Igualmente, solicita que a Administración local “non subsidie, apoie ou patrocine eventos onde os animais sexan sometidos a trato cruento ou tortura, como é o caso das touradas”, e que “modificando as disposicións  regulamentarias municipais, non autorice nin promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal”.

A moción, que foi defendida pola concelleira de Medio Ambiente, María García, solicita tamén o apoio da Corporación municipal, para que o Concello “non autorice a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais ou touradas dentro do termo municipal”, e pretende  instar á Xunta, así como aos grupos con representación no Parlamento galego, a incorporar ao texto do anteproxecto de lei de protección e  benestar dos animais de compañía –actualmente en trámite– as determinacións precisas para prohibir os espectáculos que traian aparellado o maltrato animal, así como fomentar o respecto cara a fauna con campañas de sensibilización.

A concelleira García destacou, ademais, as politicas que está a levar a cabo para a tenencia responsable de animais domésticos dentro da cidade, a posta en marcha da denominada Patrulla Verde, ou a estratexia para favorecer a observación da natureza en liberdade.

TOROS