O carril-bici Vigo-Baiona non existe ao seu paso por Nigrán, constituíndo un grave perigo para ciclistas, peóns e incluso vehículos a motor.
As organizacións EQUO Pontevedra e Esquerda Unida de Nigrán denunciamos que o proxecto de seguridade viaria da estrada PO-325 é un proxecto inxusto e inseguro, especialmente no treito de Nigrán, P.Q. 8+650 ao P.Q, 15+790. Ao parecer o que pretende é dotar de seguridade a un vial onde conviven a diario vehículos a motor, persoas en bicicleta, peóns e incluso persoas con diversidade funcional que precisan de outros medios
para poder desprazarse, en troques, estase a priorizar aos vehículos a motor sobre aqueles máis febles. Así, nesta obra déixanse sen atender as demandas das persoas que escollen a bicicleta ben como medio de transporte, ou ben como ferramenta para facer deporte. Tampouco atenden as necesidades das persoas que nos seus desprazamentos habituais precisan facer uso desta vía en bicicleta e que esixen a maior protección para o seu tránsito diario máis seguro.
A situación é especialmente grave no chamado “Boulevard de Praia América”, onde se prioriza o acondicionamento de prazas de aparcamento sobre as persoas que usan a diario esta vía para desprazarse en bicicleta, pasando a ter que convivir cos vehículos a
motor nunha rúa de sete metros de ancho para dous sentidos de circulación, flanqueada de beirados e con varios cambios de sentido nunha recta con escasa visibilidade debido a conxestión do tráfico que acumula. Como é un proxecto de “seguridade viaria” (é o termo empregado polos técnicos a pé de obra) en ningures se menciona a inseguridade que vai ter esta rolda de Praia América na que se estreitan os carrís, onde se van por xardineiras nas beiras da vía principal e non se vai ter en conta a cantidade de persoas usuarias de bicicleta que usan esta vía a diario e moito máis o fin de semana.
Queremos denunciar tamén que o proxecto contempla unha actuación ata o P.Q. 15+790, pero que segundo o transcurso da obra, parece que vai rematar no P.Q. 14+700 deixando un quilómetro sen dotar de seguridade viaria, e deixando 300 metros sen unha conexión fundamental: o paseo peonil e o carril-bici que vai dende a Foz (P.Q. 15) ata A Ramallosa e que continúa ata Baiona.
Cremos tamén que un proxecto de seguridade viaria debería incluír unha rotonda no cruce que hai no P.Q. 14+700 e que na actualidade está regulado por semáforos para xestionar seis sentidos de circulación.
Dende EQUO e EU esiximos unha reordenación real da obra para poder dotar dunha maior seguridade tanto a vehículos a motor, como a persoas en bicicleta, peóns e incluso persoas con diversidade funcional, que precisan de outros medios para poder desprazarse,
sinalizando e poñendo os pertinentes elementos de seguridade para protexer aos máis vulnerables que adoitan ser as primeiras vítimas de calquera accidente que se rexistra na rede viaria.
Por outra parte lembramos que segundo a normativa vixente no momento da redacción do proxecto, este debe incluír todos os datos de seguridade viaria que xustifiquen o trazado, as características e o proceso construtivo elixido. Eva Solla, deputada de Alternativa Galega de Esquerda, a iniciativa de Esquerda Unida e EQUO, ben de solicitar no Parlamento o proxecto da obra, as modificacións sobre o mesmo e todos os datos de seguridade viaria que xustifiquen o trazado, as características e o proceso construtivo elixido, incluídos nos anexos da memoria do proxecto da obra.
En Nigrán a 27 de Xuño de 2013
Esquerda Unida Nigrán – EQUO Pontevedra