Nova edición na Coruña de ACAMPA pola Paz e o Dereito a Refuxio

A edición 2021 desenvólvese do 9 ao 11 de setembro, baixo o título “A vida negada”. Nesta edición, ACAMPA denuncia o dramáticos efectos do saqueo de recursos nas poboacións locais, condenadas a buscar refuxio. VERDES EQUO Galicia é unha das organizacións que compoñen a Rede Acampa.

O Movimento de Trabalhadores sem Terra de Brasil (MST) será unha das referencias protagonistas deste V Encontro Internacional. O campo simulado instalado nos Xardíns de Méndez Núñez, epicentro de todas as actividades que compoñen cada Encontro Internacional, será nesta quinta edición unha reprodución dun dos moitos asentamentos que o MST ten na vasta xeografía brasileira, ao recuperar a terra para os campesiños creando comunidades perfectamente articuladas contorna a ela.

Varias exposicións fotográficas mostratán ao visitante espazos de devastación resultado da rapina duns  poucos, en escenarios tan diversos como a Arxentina do agronegocio contaminado polo uso do glifosato, a  morte e a desolación que as explotacións petrolíferas deixan no delta do Níxer ou a violencia ao redor das  minas de pedras preciosas de Colombia. Tamén estará presente o espolio e o abandono sufrido polo pobo saharauí desde hai máis de 45 anos, o dano irrecuperable que as explotacións agrícolas e gandeiras están a  causar en toda a Amazonía arrasada polo lume, ou a vida que rexorde coa recuperación das terras por parte do MST brasileiro exemplificada nas imaxes do campamento “ Marielle Vive”. Por último, a cidadanía poderá asomar á dura realidade das mulleres campesiñas en distintos continentes, defendendo a terra da seca, a  violencia ou o espolio.

A programación tamén inclúe conferencias e intervencións de diferentes expertos e xornalistas especializados na problemática dos refuxiados

Un ano máis, dende o partido verde de Galicia mostramos o noso total apoio a esta iniciativa que ten como obxectivo a defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio.