NON PECHES OS OLLOS

O ciclo de filme+coloquio de EQUO Galicia

Sesión #1
Ciutat MortaCartel do filme Ciutat Morta

«Estudante de filoloxía sentenciada a 3 anos de prisión por unha acusación falsa se suicida...»

O caso de Patricia Heras, o coñecido como caso 4F de Barcelona, non chegou nunca a ser actualidade fóra dos (poucos) medios de comunicación realmente independentes ou das canles de información máis alternativos e underground. Así a todo, o recente estreo dun filme documental sobre o tema, Ciutat Morta, volve achegarnos a uns feitos que demostran ata que punto as nosas liberdades e dereitos poden non estar sempre todo o garantidas que pensamos.

O filme denuncia as circunstancias pouco claras nas que se produciron as detencións e os posteriores procesos xudiciais dun grupo de persoas como consecuencia das graves feridas sufridas por un axente de policía durante o desaloxo dun edificio ocupado en Barcelona. O documental denuncia o que sería unha grave (e inaceptable nun estado de dereito) montaxe político-xudicial que levaría ao cárcere sen apenas probas, baseándose nas declaracións de axentes da policía, a unha serie de persoas que se poden considerar presas fáciles para o sistema [ref]Máis información sobre o caso 4F en www.desmontaje4f.org[/ref].

Lamentablemente, en EQUO pensamos que a inminente Lei de Seguridade Cidadá (un nome moi orweliano para a coñecida como Lei Mordaza), xunto a unha gran parte das iniciativas lexislativas relacionadas coas nosas liberdades e dereitos dos últimos anos, como a Lei Orgánica do Poder Xudicial ou a Lei de Seguridade Privada, entre outras, e partindo da xa de por si feble separación de poderes da que vimos gozando, pode ser un caldo de cultivo para casos similares de indefensión ante a represión do poder como os relatados neste filme. Hai precisamente recentes exemplos dunha preocupante falta de credibilidade nalgunhas manifestacións e actuacións dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que contan en demasiadas ocasións coa complicidade de medios de comunicación [ref]Algúns medios como Diagonal, entre outros, si se veñen facendo eco deste tipo de situacións e intentos de represión, tanto no seu blog No les creas como en recentes informacións como:

[/ref].

Animámoste pois ao visionado deste exemplo de cinema documental de denuncia, a que saques as túas propias conclusións e poidamos debater sobre o tema.

Onde e cando?
  • A Coruña, mércores 23 de xullo ás 21:30 nos exteriores do Ambigú Monty, na Praza do Papagaio (entre as rúas Panaderas e Hospital)
  • Vigo, martes 29 de xullo ás 20h na cafetería De Catro a Catro, na rúa Gerona 16
  • Ourense, venres 1 de agosto ás 19:30 no Centro Mandala, Rúa Doutor Marañón 2

Cartel da primeira sesión do ciclo NON PECHES OS OLLOS: Ciutat Morta