Necesitamos pediatras e matronas no medio rural

A falta destes profesionais nos centros de saúde do medio rural está a provocar a carencia de prestacións do sistema público e un desequilibrio que empeora a calidade de vida dos seus habitantes.
Diversos colectivos como “Pediatras e matronas xa” están a denunciar esta carencia que supón ter que facer desprazamentos para asistir ao hospital máis próximo, ao non existir este servizo no seu centro de saúde.
Como xa manifestamos no noso programa electoral das pasadas eleccións autonómicas, VERDES EQUO Galicia aposta polo “Fortalecemento da atención primaria cun enfoque multidisciplinar, integral e comunitario. Rescatar o enorme potencial dos centros de atención primaria e hospitalarios do SERGAS para xerar coñecemento aplicado en materia de coidados da saúde”.

VERDES EQUO Galicia mostra o seu total apoio a estas reivindicacións, que converxen integramente co noso modelo de equilibrio territorial sostible, no que a poboación poida vivir asentada no seu territorio. Este modelo de asentamento poboacional tan arraigado en Galicia, evita as grandes concentracións urbanas que contribúen a unha maior contaminación que, á súa vez, favorece o cambio climático.

Pola saúde das persoas, polo equilibrio territorial, pola calidade de vida no medio rural, polo desenvolvemento sostible e polo fortalecemento do sistema público de saúde: Necesitamos pediatras e matronas no medio rural.                                                                                                                                                                                                         

Imaxe: Anna Langova