Moción en apoio á iniciativa lexislativa popular pola Renda Básica

EQUO PARTICIPA NA PRESENTACIÓN DUNHA MOCIÓN CONXUNTA NO CONCELLO DA CORUÑA, EN APOIO Á INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR POLA RENDA BÁSICA

A Renda Básica é un ingreso pagado polo estado, como dereito de cidadanía, a cada membro de pleno dereito. Trátase dun ingreso para cubrir as necesidades vitais e poder así garantir o dereito á vida.

O grupo municipal de Esquerda Unida–Os Verdes, EQUO e Espazo Ecosocialista presentan unha moción conxunta en apoio á Iniciativa Lexislativa popular pola Renda Básica. Esta Iniciativa Lexislativa Popular presentada o pasado 15 de xaneiro no Congreso dos Deputados polo Movemento contra o Paro e a Precariedade abriu un debate que está candente na sociedade dende vai un tempo: a Renda Básica coma un dereito individual, universal e incondicional.
O certo e que a aposta pola Renda Básica xurde ao amparo dos malos resultados dos Plans de Loita contra o Paro e a Pobreza, que foron impulsados en toda a Unión Europea, así como á crise do Estado de Benestar, pois está a consolidar unha sociedade que estaba caracterizada por conter:
• Elevada Polarización social: a consecuencia de que unhas cantas persoas, moi poucas, dispoñan da meirande parte da riqueza.
• Precariedade laboral: o salario laboral cada vez menos garante uns medios de vida dignos.
• Alto desemprego: o acceso ao emprego como vía se inserción social e económica está cada vez limitado.
• Recortes sociais: o estado deixa de garantir o acceso universal aos dereitos sociais que pasar a formar parte da economía de mercado.
Por este motivo, facéndose eco desta Iniciativa, a fronte de esquerdas coruñesa quere poñer enriba da mesa o debate público sobre a necesidade de articular mecanismos que garanten o dereito a unha vida digna. A progresiva implementación desta medida implicaría importantes transformacións a nivel político, económico social e cultural, cuestionando a centralidade do traballo como valor vertebrador da sociedade actual.

A FRONTE DE ESQUERDAS CORUÑESA QUERE POÑER ENRIBA DA MESA O DEBATE PÚBLICO SOBRE A NECESIDADE DE ARTICULAR MECANISMOS QUE GARANTEN O DEREITO A UNHA VIDA DIGNA