Moción do Concello da Coruña para a mellora da liña de ferrocarril A Coruña-Betanzos-Ferrol

A MOCIÓN FOI APROBADA POR UNANIMIDADE.

Daniel Díaz, concelleiro de Mobilidade Sostible do Concello da Coruña e membro de EQUO, presentou unha moción no pleno na que o Concello  amosa a súa disconformidade  coa redución de servizos que se vén producindo nos últimos anos na líña por ferrocarril que une A Coruña con Ferrol.

A moción solicita a ADIF e ao Ministerio de Fomento “as melloras das infraestruturas asociadas” e do trazado tanto do ramal A Coruña-Betanzos Infesta como Betanzos Infesta Ferrol, facendo especial fincapé no enlace directo destes dous tramos, o que redundaría nunha mellora da velocidade do servizo e, por consecuencia, nos tempos de percorrido.

A moción solicita tamén pedir a Fomento e a ADIF a inversión necesaria para a electrificacións dos ramais que unen A Coruña e Ferrol, e á Xunta, que permita o uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia, con todas as vantaxes que iso conleva ás persoas usuarias, nas viaxes entre concellos pertencentes ás diferentes áreas incluídas no Plan de Transporte Metropolitano. Por último, a moción solicita a creación dun núcleo de transporte de cercanías que, no caso da conexión con Ferrol, “permita o dimensionamento adecuado tanto de servizos como de maquinaria”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

MOCIÓN APROBADA POR UNANIMIDADE:

O servizo de FFCC entre A Coruña e Ferrol ven de recibir unha nova redución nos servizos ofertados ós usuarios, redución que sume á infraestrutura dende hai anos nun círculo vicioso onde as frecuencias e o desmantelamento de estacións e apeadoiros provoca unha paulatina perda de viaxeiros que é utilizada como argumento para a eliminación de máis servizos.

A liña de FFCC entre A Coruña e Ferrol está formada por dous ramais diferentes, o tramo A Coruña-Betanzos Infesta pertencente ó ramal Coruña-Lugo (tramo A Coruña-Palencia) inaugurado no ano 1875, e o tramo bautizado como “ramalillo” que une a estación de Betanzos Infesta coa de Ferrol inaugurado no ano 1912. O paso dos servizos entre A Coruña e Ferrol e viceversa pola estación de Betanzos Infesta require dunha anacrónica manobra de inversión de marcha dos trens, provocando unhas perdas de tempo de ó redor de 15 minutos, unasumibles para un servizo de transporte de viaxeiros do século XXI. Este dato ven a reforzar a realidade de que dende as datas das súas inauguracións, estas infraestruturas nunca recibiron inversión na mellora do seu trazado que produza unha redución dos tempos de viaxe, recibindo únicamente inversión, común para tódalas vías do estado, para o substitución de travesas de madeira por travesas polivalentes de formigón.

O tren pode e debe convertirse nun dos medios de transporte fundamentais dentro da comarca da Coruña, cun núcleo urbano necesitado de alternativas de transporte que promovan o multimodalismo nos desprazamentos e que teña como leit motiv a redución de movementos en vehículos privados dende as zonas de traballo ate os lugares de residencia e viceversa. No caso que nos atañe, os Concellos da Coruña, Culleredo, Cambre, Bergondo, Betanzos, Paderne, Miño, Pontedeume, Cabanas, Fene, Neda, Narón e Ferrol, concellos polos que transcorre a infraestrutura, suman preto de 500.000 habitantes.

Na actualidade, no estado, existen núcleos de cercanías en Asturias (Avilés, Xixón e Oviedo), Santander, Bilbao, Donosti, Zaragoza, Girona, Tarragona, Barcelona, Madrid, Valencia, Murcia-Alacante, Sevilla, Málaga e Cádiz, quedando o Galicia en zona de sombra sen cobertura de servizos de ferrocarril de curto alcance, conectando os grandes núcleos urbanos coas súas áreas metropolitanas, algunhas delas con menor carga poboacional que no caso da liña Coruña-Ferrol.


ACORDOS:

  1. Amosar a disconformidade do Concello da Coruña coa liña de redución de servizos no que se ven producindo nos últimos anos na liña Coruña-Ferrol.

  2. Demandar a ADIF e ó Ministerio de Fomento a inversión necesaria para as melloras das infraestruturas asociadas e do trazado tanto no ramal Coruña-Betanzos Infesta como no de Betanzos Infesta-Ferrol , facendo especial fincapé no enlace directo destes dous ramais, que redunden na mellora de velocidades de servizo e, polo tanto, na mellora dos tempos de percorrido. Demandar a ADIF e ó Ministerio de Fomento a inversión necesaria para a duplicación de vías onde fose necesario, á modernización dos sistemas de seguridade, e a electrificación dos ramais Coruña-Betanzos Infesta e Betanzos Infesta-Ferrol que permita a súa explotación con maquinaria eléctrica.

  3. Demandar á Xunta de Galicia a inclusión das viaxes entre concellos pertencentes ás diferentes áreas de zonas de transportes no Plan de Transporte Metropolitano, que permita o uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia e as vantaxes que iso aporta ás persoas usuarias.

  4. Reclamar a ADIF e ó Ministerio de Fomento a creación dun núcleo de Cercanías que permita o dimensionamento de servizos e da maquinaria utilizada apto para a demanda potencial da área Coruña-Ferrol.