Mobilizacións polos servizos públicos e as pensións

EQUO Galicia e a RQX chaman a participar nas mobilizacións pola defensa dos servizos públicos e das pensións o sábado 23N

O Partido político EQUO Galicia e o seu referente xuvenil, a Rede EQUO Xove (RQX), chaman á sociedade galega a participar o vindeiro sábado nas concentracións convocadas polos principais sindicatos nas vilas galegas en defensa do público e das pensións.

A pesar dos cantos de serea dos políticos sobre a incipiente recuperación económica en España e en Europa, as políticas de austeridade non dan os froitos que eles desexaban e a cidadanía non percibe ningún indicio de mellora, senón ao contrario, estancamento da situación. Ademais, seguen a aprobarse máis recortes no sistema público como na educación, na sanidade e agora nas pensións.

Por iso, EQUO Galicia e a RQX queren sumarse ao chamamento da Confederación Europea de Sindicatos (CES) e pedirlle á sociedade que participe o sábado 23 de novembro nunha xornada de mobilizacións contra a política de recortes imposta pola UE, o Goberno de España e a Xunta de Galicia.

Segundo a co-voceira de EQUO Galicia, Rosa Rodríguez, —«As políticas de austeridade supoñen máis paro, máis pobreza e máis desigualdade. Ademais, a última reforma de pensións do PP supón unha rebaixa en termos relativos das pensións e a perda de poder adquisitivo.»

Neste sentido, EQUO Galicia e a RQX queren lembrar que nos últimos anos a idade de xubilación subiuse dende os 65 ata os 67 anos e que os anos de cotización necesarios para cobrar a pensión completa incrementáronse ata os 38,5. Estas medidas supoñen un ataque á sociedade, en especial á mocidade que verá mermados os seus dereitos de desfrutar dunha xubilación digna e a idade temperá.

Por iso, a voceira de EQUO Galicia propón —«A volta á idade de xubilación aos 65 anos, o fortalecemento do sistema público de pensións a través da tributación verde e o incremento da pensión mínima ata o SMI.»— Os ataques á viabilidade do sistema público de pensións só xeran incerteza e atende a intereses do sector bancario para a contratación de plans de pensións privados, que son en España os terceiros menos rendibles da OCDE.