Marea Atlántica aproba o equipo de goberno do Concello da Coruña

Neste equipo de goberno, o concelleiro Daniel Díaz Grandío, membro de EQUO, dirixirá  a área de Mobilidade Sostible e será o voceiro da Marea Atlántica na Deputación da Coruña.

O cabeza de lista da plataforma cidadá, Xulio Ferreiro, encabezará un goberno cunha nova distribución e prioridades claras no que determinadas áreas terán unha función de transversalidade, con marxe de actuación en todo o  Concello, dada a súa singular relevancia nas políticas de fondo que vai implementar a Marea Atlántica. Deste xeito, cuestións como a igualdade, a sustentabilidade, a transparencia ou a participación terán un amplo campo político no que desenvolverse e que tamén lles outorgará presenza en áreas nas que adoita primar a xestión técnica. Os dez concelleiros e concelleiras da Marea terán dedicación exclusiva, cumprindo todos e todas co compromiso de non cobrar máis de 40.000 euros brutos anuais.

Así, o goberno queda formado pola alcaldía, catro áreas transversais (unha delas dividida en dúas sub-áreas) e cinco sectoriais. Desde xeito, o organigrama aprobado democraticamente pola Rede da Marea será o seguinte:

-Alcaldía. Asumirá a dirección do goberno, tamén outros departamentos como a oficina de planificación económica. O alcalde será Xulio Ferreiro (A Coruña, 1974), profesor de Dereito Procesual na Universidade da Coruña.

-ÁREAS TRANSVERSAIS
-Transparencia. Será asumida tamén desde Alcaldía.

-Igualdade e Diversidade. Centrada nas políticas de xénero e de respecto á diversidade. A súa responsable será Rocío Fraga (A Coruña, 1976), socióloga cunha carreira moi vencellada ao terceiro sector nas áreas de emprego, formación e igualdade de oportunidades.
-Medio Ambiente e Mobilidade Sostible. Estará dividida en dúas sub-áreas, permanentemente coordenadas, así como o resto do goberno:
Medio Ambiente: Terá á fronte a María García (A Coruña, 1978) técnica en medio ambiente con experiencia internacional.
Mobilidade Sostible: Dirixida por Daniel Díaz Grandío (A Coruña, 1981) formado no ámbito da topografía, urbanismo, enxeñaría civil e xestión e análise do territorio.
-Participación e Innovación Democrática. Área encargada de garantir o compromiso fundamental da Marea coa apertura do concello á cidadanía e crear fórmulas e órganos de participación. A súa responsable será Claudia Delso (A Coruña, 1987), mediadora cultural, mestra de psicomotricidade e teatro e experta en autoxestión e prácticas colaborativas.
ÁREAS SECTORIAIS:
-Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda. Encargada de aspectos tan relevantes como un outro urbanismo, estará encabezada por Xiao Varela (A Coruña, 1979), arquitecto, con coñecemento de intervención comunitaria, entre outros eidos.
-Xustiza Social e Coidados. Os servizos sociais, entre outras cuestións, abrirán nova etapa no concello da Coruña coas políticas do departamento que asumirá a avogada Silvia Cameán (A Laracha, 1987).
-Emprego e Economía Social. A área, de enorme importancia, será asumida por Alberto Lema (Vimianzo, 1975), escritor e con experiencia no eido do sindicalismo.
-Cultura, Deporte e Coñecemento. Un dos eixes do dinamismo social da Coruña terá no concello unha área a cargo de José Manuel Sande (A Coruña, 1972), filólogo, escritor cinematográfico e programador do CGAI.
-Facenda e Administración. Correrá a cargo de Eugenia Vieito (A Coruña, 1970) licenciada en Dereito e persoal de Administración e Servizos da Universidade da Coruña.

Por outra parte, a portavocía do grupo municipal da Marea quedará a cargo de Xulio Ferreiro, que así asumirá o diálogo directo coa oposición, evitando silencios que poidan contradicir a aposta pola transparencia da plataforma
cidadá. As tenencias de alcaldía serán decididas durante a próxima semana, nunha nova Rede que tamén concretará outras cuestións referentes ao equipo de goberno da cidade.

No referente á Deputación da Coruña, onde a Marea acadou nas urnas tres representantes, os e as deputadas provinciais serán Rocío Fraga, Claudia Delso e Daniel Díaz Grandío, que exercerá de voceiro. A Marea apoiará as políticas de cambio que votou a cidadanía na circunscrición electoral da provincia pero non ten intención de entrar no goberno, se ben impulsará actuacións dirixidas á maioría social baseadas en valores como a transparencia, a participación e as políticas sociais.

Rede