A contaminación do río Barbaña en Ourense é xa unha “tradición” antixurídica
A historia repítese unha vez máis: o río Barbaña sofre unha nova vertedura como consecuencia da mala xestión da depuradora do Concello de San Cibrao da Viñas, sen que dito concello tome as medidas oportunas para evitar estes feitos reiterativos e preveña as graves consecuencias dos mesmos.
Anos leva o río padecendo os despropósitos do deficiente labor dos concellos de San Cibrao e Ourense, que parecen ter dificultades á hora de decidir pór en marcha a nova depuradora e solventar así un problema ambiental, social e económico que carrexou, nos últimos anos, o pago de multas económicas por parte de ambos concellos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Dende a Confederación xa se manifestou con anterioridade a «reiteración da conduta antixurídica pola entidade local do Concello de San Cibrao», sendo este concello sancionado en múltiples ocasións dende os anos 2006 á actualidade polo incumprimento das autorizacións de verteduras.
Desde EQUO lembramos unha das últimas sancións graves impostas ao Concello de San Cibrao das Viñas, con máis de 114.000 Euros polas verteduras realizadas ao río Barbaña en marzo de 2010; e tamén que aínda queda pendente unha resolución sancionadora moito máis grave das verteduras producidas en xuño de 2009, causantes da morte piscícola de 17.000 animais de distintas especies e danos á flora de ribeira. A orixe desta vertedura está aínda a ser investigada pola Fiscalía de Medio Ambiente pola presunta existencia dun delito ecolóxico.
Dende EQUO esiximos a recuperación ambiental do Barbaña e tamén demandamos a aplicación doutro tipo de medidas sancionadoras para os responsables destas continuas agresións aos nosos ríos, como poden ser as denominadas como sancións funcionais, como a revogación de autorizacións ou o peche de instalacións, ademais da publicación dos datos empresariais daquelas empresas que danan ao medio ambiente.
EQUO quere tamén destacar e agradecer o labor de denuncia e mobilización que plataformas como Ríos Limpos en Ourense están a facer para sensibilizar á cidadanía ante os reiterados atentados medio ambientais que están a sufrir uns dos nosos principais activos: os nosos ríos.