EQUO Galicia invita a reflexionar sobre o Dereito á Auga e o seu estado en Galicia durante o Día Mundial da Auga
- O partido recalca que, aínda que os nosos recursos hídricos son ricos, non están exentos de diversos perigos (proxectos de minería a ceo aberto) e eivas (a falta de canles de participación cidadá)
- A formación da Ecoloxía Política quere aproveitar este Día Mundial da Auga para lembrar a importancia da conservación e o desenvolvemento da auga doce
A Auga é un recurso vital estreitamente vinculado ao cumprimento doutros Dereitos Humanos. Falar de auga é falar de soberanía dos pobos, de cooperación e é tamén un xeito de explicar diferentes conflitos entre países.
O Dereito á Auga foi recoñecido soamente en 1992 e non comprende só cuestións como o acceso á mesma ou a súa preservación, senón tamén a participación cidadá, eido no que aínda queda moito por traballar en Galicia: moitas das concesións da xestión da auga non son transparentes nin accesibles para que as persoas poidan fiscalizar o traballo dos entes que xestionan o seu dereito.
Así mesmo, hai que comezar a esixir ás administracións o cumprimento das obrigas contraídas, principalmente en materia de uso e conservación, tras a esperada aplicación o ano pasado da Directiva Marco da Auga (DMA). Esta lexislación do parlamento europeo foi moi esperada e celebrada, pero non semella que ata o momento estea a supoñer unha mellora no tratamento e xestión da auga nas nosas administracións.
Outro dos perigos que ameazan o dereito á Auga en Galicia son os proxectos de minería a ceo aberto. Un dos exemplos foi o desbotado finalmente en Corcoesto, pero EQUO Galicia non esquece que aínda existen outros proxectos que non foron paralizados. Por esta razón, queremos manifestar o noso malestar co proxecto Isabella II autorizado por la Consellería de Economía e Industria e publicado en el D.O.G. o pasado 15 de xaneiro e que afectará a 4.368 hectáreas dos concellos de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco. A nosa formación non pode amosar máis que desacordo ante proxectos que consumirán enormes cantidades de auga doce e deixarán na terra cianuro, arsénico, ácido sulfúrico, chumbo e outros metais pesados que contaminarán o aire e os mantos de agua.
Queremos aproveitar esta véspera do día que foi sinalado polas Nacións Unidas como Día da Auga para lembrar os retos e perigos aos que temos que facer fronte.
[Fonte da imaxe de cabeceira: Wikipedia – https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Water_droplet_blue_bg05.jpg
Atribución: fir0002 | flagstaffotos.com.au [GFDL 1.2], via Wikimedia Commons]