Haberá papeleta verde de EQUO Galicia o 5 de abril

EQUO Galicia preséntase ás Galegas 2020 co obxectivo de aportar unha alternativa verde para o país.

Unha maior riqueza ideolóxica e pluralidade son desexables no noso Parlamento.

EQUO Galicia, representante do Partido Verde Europeo en Galicia, decide concorrer a estas eleccións coas súas propias siglas, impulsando unha candidatura baseada no ecoloxismo e o decrecentismo que poida facer fronte ás crises social, económica, política, medioambiental e climática. Aportando solucións ante a incapacidade e o desinterese do goberno actual da Xunta de Galicia para enfrontar os moitos retos que se nos apresentan no horizonte.

Chegado a este punto de inacción e mala xestión, precísanse urxentemente novas formas de facer política, máis participativas e horizontais, nas que se traballe por un novo modelo económico e produtivo compatible co medio ambiente, poñendo a ecoloxía no centro da acción política.

A situación de maltrato e desleixo cara o noso medio natural, explotado e desaproveitado ao mesmo tempo, precisa da implantación de estratexias e plans pensando no curto e no longo prazo.

O desmantelamento dos servizos públicos en prol dos intereses das grandes empresas privadas, a total ausencia dunha mínima estratexia industrial que aposte por unha transición ecolóxica que faga que non se perdan os postos de traballo polo camiño, a deficiente vertebración do territorio e aposta por modelos de transporte obsoletos, entre outras, son cuestións que precisan da aplicación transversal dos principios da ecoloxía política.

Mudar o rumbo é posible! Políticas que poñan no centro ás persoas e a súa relación co medio, sen deixar a ninguén atrás e tendo en conta os recursos finitos cos que contamos.

EQUO Galicia preséntase nas catro provincias galegas, ofrecendo unha candidatura verde necesaria para a nosa sociedade e os nosos tempos.
Defendamos o noso, defendamos unha Galicia verde.