EQUO solicita que o Estado tome o control de Alcoa

COMUNICADO DE EQUO A CORUÑA E BISBARRA:

Desde EQUO A Coruña e Bisbarra queremos mostrar a nosa solidariedade con todo o equipo de persoas das instalacións de Alcoa na Coruña, que nestes intres ven ameazados os 400 postos de traballo da planta, dando por inasumible a postura de forza e chantaxe que adopta a empresa multinacional.

Ante a ameaza de peche da industria do aluminio, EQUO A Coruña considera que é un sector de importancia estratéxica para A Coruña, Galicia, España e Europa, e por iso esixe unha resposta do goberno na que tome o control da situación.
“Até que o aceiro, aluminio, derivados do carbono e cerámicos teñan un substituto ou melloren os seus custos enerxéticos e medioambientais son os materiais estruturais que sosteñen a nosa sociedade actual e resultan imprescindibles”.
A empresa manifesta ter perdas millonarias, o que implicaría que o seu valor é de cero. A matriz mantén o seu control en ALCOA para ter unha parte significativa nun mercado controlado por un puñado de empresas.

Por iso, igual que os compañeiros de EQUO Avilés, dende EQUO A Coruña consideramos que o estado debe facerse co control de ALCOA polo custe simbólico de 1 euro e proceder a realizar as melloras técnicas e medioambientais precisas para manter a actividade e o emprego en condicións dignas para os traballadores.
Francia, en tempos recentes, impediu a deslocalización da multinacional do aceiro Mittal cando o presidente da república dixo que se a súa intención era a de abandonar a produción, a do goberno sería a de nacionalizar o aceiro.

Modelo enerxético

Facemos constar que o trasfondo do problema de ALCOA vén da man das loitas polo control do sector enerxético. Por iso, dende EQUO A Coruña queremos reiterar a nosa proposta dun “cambio radical do modelo enerxético para aumentar a contribución de enerxías limpas, renovables e propias”. A xeración de enerxía debe obedecer ás necesidades das nosas actividades e non ás ansias de lucro dos grandes grupos económicos transnacionais.

20141210_NP_EQUOCORUÑA_Control_de_Alcoa