EQUO reclama a Baiona unha aposta clara e valente por unha sustentabilidade real.

EQUO Pontevedra felicita ao Concello de Baiona pola recente concesión do galardón chamado “Quality Coast Gold Award”. Este é un título que recoñece a calidade ambiental dos destinos turísticos,  que valora o ecosistema mariño, a súa conservación, ás actividades económicas, a oferta turística, identidade local, seguridade, patrimonio cultural e natural así como a beleza da súa paisaxe. Entre os aspectos positivos que o xurado tivo en conta, destacan as normativas de protección da costa e o medio natural da presión urbanística, a declaración das praias da Ribeira e Vos Frades como “libres de fume”, así como os certificados de calidade de varios establecementos hostaleiros.

Dende EQUO queremos seguir animando ao Concello de Baiona a seguir protexendo a costa poñendo en valor  Punta Ladeira. Este espazo natural está reservado para o beneficio exclusivo da empresa que explota o cámping nese lugar.  Reclamamos que se restaure a legalidade do mesmo para o goce dos veciños e veciñas de Baiona e as persoas que dende fora poidan achegarse a este espazo. Que se aposte pola conservación dos recursos naturais e paisaxísticos do noso entorno natural poñendo en valor tamén o noso monte e non reservando hectáreas con fins exclusivamente deportivos.

Animamos tamén a seguir poñendo fin a presión urbanística que contraditoriamente avalan na elaboración do novo PXOM local onde se prioriza a construción de aínda máis inmobles así como de novas vías para dar posibilidade de edificar en fincas que carecen de accesos.

Queremos que sigan traballando polas praias non so declarándoas espazos limpos e libres de fumes, se non traballando máis polo seu mantemento, pondo medios suficientes ao alcance das persoas que queren colaborar en mantelas limpas do lixo que xeramos nelas, xa que nos derradeiros anos as papeleiras eran insuficientes. Agardamos que sigan loitando pola calidade dos seus areais deixando atrás actuacións pasadas como o recheo da praia da Ribeira e da Barbeira que tanto fixo padecer no seu día as persoas que facían uso delas.

E animamos tamén a apoiar ao sector hostaleiro non só con certificados de calidade, senón tamén con ofertas para un turismo máis sostible e desestacionalizado; dotando de algún establecemento para grupos ou persoas que estando de paso prefiren un albergue a un hotel; potenciando o turismo natural, abrindo novas rutas a pé ou bicicleta nos nosos montes cheos de recursos e beleza paisaxística; poñendo mellor información na man dos visitantes, facendo un turismo non só de cara o mar e esquecendo o monte.

Baiona, imaxe de jl.cernadasNon todo son eloxios por parte dos xuíces, que apuntan a cuestións mellorables como o transporte público, queda moito por facer para unha verdadeira “Baiona sostible”.  Os desprazamentos en vehículos privados son masivos prexudicando a Baiona e aos seus visitantes. EQUO reclama que se lle devolva o valor ao transporte en bicicleta que se ven mermado desde fai anos. EQUO considera que Baiona é unha vila perfecta para instalar un sistema de aluguer público de bicicletas apoiada por unha rede de carrís-bici seguros e de aparcadoiros públicos para as mesma nos lugares máis transitados.  Tamén consideramos oportuno un sistema público de transporte circular nos meses de maior afluencia de turistas.

Reiteramos as nosas felicitacións ao concello pero dende EQUO lembramos que Baiona precisa dunha aposta clara e valente para acadar a sustentabilidade real no seu día a día.