EQUO Pontevedra rexeita absolutamente a incineración como sistema de xestión de residuos

O día 5 de decembro a Xunta de Galicia anunciou que se vai construír unha pranta de xestión de residuos para o Sur de Galicia. A pranta vaise contruír no concello ourensán do Irixo; declaran que a pranta custará 230 millóns de euros, dará traballo a 250 persoas e abrirá en 2014.

Na pranta combinaranse a compostaxe, a reciclaxe de envases lixeiros e a incineración (“valorización enerxética”). Segundo mundourense.com:

“A planta do Sur poderá xestionar até 366.000 toneladas, o que implica un terzo dos residuos de Galicia, das cales 310.000 serán para valorización enerxética, aínda quedelas hai descontar unha aproximación teórica da contorna ao 20-25 por cento non iría a incineración. Ademais, outras 40,000 toneladas destinaranse para compostaxe e outras 16.000 para envases lixeiros”.

É dicir, que esta pranta será principalmente unha INCINERADORA, na que a compostaxe e a reciclaxe serán actividades secundarias e minoritarias. A continuación, compartimos a declaración oficial de EQUO Pontevedra a este respecto:

EQUO Pontevedra rexeita absolutamente a incineración como sistema de xestión de residuos. A organización manifesta a súa oposición á ubicación dunha nova incineradora, nin en O Irixo, nin en ningún outro lugar.

Desde eQuo Pontevedra cremos necesario modificar a política de residuos e a visión que deles se ten. Os residuos poden ser unha fonte de empregos, de disminución de consumo de materias primas e do impacto ambiental.

 Defendemos o fomento dos procesos de biometanización, como unha alternativa para as incineradoras. Ademáis de ver necesaria unha Lei Marco Recollida Selectiva de Residuos, que xerarquice as tres R’s (Reducir, Reutilizar e Reciclar), asemade unha Lei de Envases que fomente a súa reutilización.