Unha nova obra de humanización comeza en Vigo. Desta vez será a Avenida da Camelias e unha vez máis esquécese o compromiso de diferentes corporacións municipais co fomento do uso da bicicleta como transporte urbano.
En 1994 un pleno municipal aprobou por unanimidade o fomento do uso da bicicleta chegando ao compromiso de que todas as rúas que se reformasen se adaptarían ao transporte en bicicleta. Un ano despois, no 1995, outro pleno ratifica por unanimidade a carta europea de Aalborg sobre cidades sostibles no que se prioriza o uso da bicicleta sobre outros medios de transporte urbano. Nos anos 2003 e 2005 tamén se tomaban medidas similares, e outra vez no ano 2011, o propio alcalde Abel Caballero levaba no seu programa o fomento da bicicleta na cidade de Vigo.
Dende EQUO Pontevedra queremos denunciar unha década perdida no camiño cara un Vigo máis sostible. Unha década de remodelacións de rúas na nosa cidade sen un rumbo claro máis aló do estético. Unha chea de cartos invertidos esquecendo as promesas das épocas electorais e os acordos do pleno. En todas estas remodelacións obviouse o medio de transporte máis sostible en percorridos urbanos e desoíuse continuamente o xa “apolillado” informe “Rutas de carrís para bicicletas no concello de Vigo” do Valedor do cidadán.
A bicicleta é a esperanza realista para un cambio cualitativo do noso entorno.
A bicicleta é o transporte máis eficaz en percorridos de menos de 5 quilómetros. Mellora claramente a habitabilidade e a seguridade nas cidades ao reducir o número de vehículos, a contaminación atmosférica e sonora, os espazos de aparcamento. A bicicleta é a esperanza realista para un cambio cualitativo do noso entorno. Pero tamén ten moitos inimigos xa que o aumento do seu uso tamén reduce o ingresos a través de impostos ao concello e a grandes lobbies empresariais, xa que unha bicicleta na rúa e un coche menos do que recadar rodaxe, horas de aparcamento, combustibles, …
A avenida das Camelias é unha das principais arterias do casco urbano ao unir o Concello e a praza de América. Dotándoa dun carril-bici sentaríamos a base para que, xunto ao maltreito carril-bici de Castelao, se crease un corredor desde o centro ata, incluso, a praia de Samil, sumándolle un derradeiro tramo na Avenida de Europa.
Dende EQUO Pontevedra instamos ao concello a asumir os seus compromisos e por en marcha un plan especial de mobilidade en bicicleta. Cada vez son máis os vigueses que usan a bicicleta como medio de transporte habitualmente e o goberno da cidade ten que cumprir os acordos pactados e firmados por todos os grupos políticos ao longo dos diferentes gobernos do concello de Vigo.
+info:
Informe “Rutas de carrís para bicicletas no concello de Vigo” do Valedor do cidadán.
http://hoxe.vigo.org/pdf/valedorcidadan/AO_12.pdf