EQUO Galicia alégrase da paralización do proxecto pero lamenta que a Xunta de Galicia esgrima como principais motivos para a negativa, os técnicos e económicos e non os medioambientais. Non hai, nas decisións da Xunta, ningunha consideración ao valor da terra como medio de vida salvo o mínimo legal. Non se ten en conta o medio ambiente, nin sequera a saúde das persoas.
Ademais, resulta indignante que se utilicen frases como “minaría comprometida co país, innovadora e sustentable” cando non se cumpre con ningún dos tres cualificativos.
- Comprometida co país cando os beneficios son para unha empresa estranxeira?
- Innovadora? A minaría non é unha actividade en absoluto innovadora xa que se leva desenvolvendo industrialmente en España desde o século XIX.
- E por último, sustentable? É unha actividade na que se empregan toneladas de sustancias químicas moi perigosas, tal como o cianuro de sodio, que repercuten directamente nos seres vivos e contaminan as augas subterráneas hipotecando o futuro das persoas que viven na zona.
Polo tanto, habería que valorar positivamente esta decisión se fose tomada desde a responsabilidade que se espera dos representantes públicos, responsabilidade que pasaría por ter en conta tanto a saúde das persoas como do medio do que viven.
Dado que a xustificación utilizada para calquera aberración medioambiental son os postos de traballo, EQUO Galicia pregúntase por que non hai proxectos con creación de emprego noutros campos que sexan compatibles co mantemento da nosa contorna habitable e coa actividade xa existente de gandería e agricultura da que viven moitas persoas labregas en Galicia.
Por último, EQUO Galicia quere apoiar a todas as persoas que veñen manifestando o seu rexeitamento a este e a outros proxectos similares en Galicia.
A nosa única forma de reivindicar o que é noso é mostralo e demostralo de forma continua.