EQUO Galicia propón un gran plan para a agricultura ecolóxica galega, para converternos nunha referencia a nivel europeo neste eido

O fomento da agricultura ecolóxica, ademais de producir alimentos saudables e de moi baixo impacto ambiental, é un alicerce para fixar a poboación no rural, para preservar e coidar as nosas terras fértiles, ao non empregar químicos, e para retomar soberanía alimenticia sen depender en exceso das importacións.

Galicia reúne as condicións que a converten nunha das rexións con máis capacidade en produción agrícola de Europa, así que consideramos practicamente unha neglixencia non aproveitar este potencial.

A agricultura galega podería producir case todas as hortalizas e froitas que precisamos, temos a capacidade non so de mellorar a nosa alimentación e de coidar os nosos solos e augas, senón tamén de mellorar as condicións de vida dos nosos produtores, a través de cadeas de produción curtas con prezos máis xustos.

Porque o modo de alimentarnos vai máis aló da nosa propia saúde. A gandaría intensiva, é un proceso industrializado e artificial que degrada as condicións de vida dos animais, ademais de supoñer un ataque frontal para o medio ambiente. Este modelo xeneralizado de gandaría industrial e de distribución do produto está a desnaturalizar a nosa relación co medio e cos propios animais, e facendo que os produtores se vexan obrigados a optar por estas prácticas para poder seguir vivindo do campo. Só se pode saír deste círculo vicioso con medidas e con vontade política.

Fomentar un modelo baseado na agricultura ecolóxica, supón unha resposta ao auxe do consumo de alimentos procesados. Supón o retorno ás nosas costumes herdadas dende hai xeracións, a denominada dieta atlántica, que forma parte dunha forma de vida saudable.