EQUO Galicia propón a mellora integral do sistema de coidados

A ecoloxía política é xustiza social. Por este motivo, en EQUO Galicia non podemos máis que constatar unha realidade que a crise fixo aínda máis patente: a febleza do noso sistema de benestar e de apoio ás nosas maiores.

Vimos de saber, polos medios, que nos últimos tres anos e medio, se acumularon 33 expedientes sancionadores da Xunta. Os motivos son principalmente a falta de persoal, vulneración de dereitos laborais, sobreocupación e algunha sentencia puntual por neglixencias. Estes son os puntos febles, que xa antes desta crise, podíamos observar e que entidades como Rede (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) ou Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia) levan anos advertindo.

Por unha banda, temos que ter moi en conta ás usuarias destas entidades. Estas persoas, en moitos casos, dependentes, teñen que ter o mesmo dereito que as demais a unhas condicións de vida dignas e a uns coidados adecuados. Agora, lamentamos que o 60% das mortes por coronavirus en Galicia na última semana foron de usuarias destas residencias, nas cales a enfermidade está sendo moi agresiva.

Pola outra banda, valoremos e apoiemos ás persoas que traballan no coidado de maoires e dependentes. A crise sanitaria deixou patente que tanto os coidados como o sistema de saúde son servizos esenciais. De agora en adiante, non debemos esquecer a tremenda importancia dos traballos nestes eidos. Estes deberían ser sectores básicos de desenvolvemento e de especial atención e onde deberíamos promover emprego de calidade, especialmente sabendo que se trata de sectores tremendamente feminizados.

Desgraciadamente, non se lle está outorgando a importancia que merece. O salario base dunha xerocultora non chega aos mil euros e os seus representantes demandan a saturación destes centros, a carga de traballo extenuante e a escaseza de tempo para dar un servizo de calidade ás usuarias. Agora, a todo isto, súmanlle a falta de equipos de protección axeitados.

O sector público non debera confiar este eido a fondos de inversión e multinacionais como DomusVi, que teñen como obxectivo o máximo beneficio económico, pasando por enriba dos dereitos das usuarias e das traballadoras

Dende EQUO Galicia propoñemos analizar estes puntos e por remedio a estas carencias creando un sistema público de calidade, dotado de suficiente persoal que sexa remunerado dacordo coa importancia da súa tarefa.