EQUO Galicia pide un pacto a nivel galego vinculante para poñer fin á queima de Galicia.
No pasado mes de agosto deste mesmo ano, dende EQUO Galicia pedíamos unha reconsideración do modelo de xestión dos montes fomentado pola actual Administración da Xunta que favorece a proliferación de especies pirófitas, como o é o eucalipto ou o piñeiro, que superan xa as 400.000 hectáreas de plantación en Galicia.
Esta pasada fin de semana de outubro, Galicia atopouse novamente cos devastadores resultados da mesma falta de previsión, xestión irresponsable, e nulo entendemento da complexidade do problema por parte da Xunta. Unha Xunta incapaz de facer fronte aos máis de 146 incendios declarados en dous días, 19 deles de nivel 2, e que deixaron xa o terrible balance de catro persoas mortas e centos de persoas afectadas e desprazadas dos seus fogares.
EQUO Galicia entende que a situación que vivimos desde hai anos e que volve manifestarse estes días, non é consecuencia dun déficit illado na política forestal da Xunta, senón dunha incapacidade manifesta en abordar de forma conxunta a situación de abandono e precariedade na que se sumiu ao noso rural, cunha nula política de protección do medio ambiente como o demostra a pretendida aprobación da Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais de Galicia, e unhas políticas agrarias e gandeiras sumamente deficitarias.
A solución pasa por un pacto galego de conservación e crecemento no monte galego vinculante para o actual e futuros gobernos da Xunta de Galicia, con verificación do seu efectivo cumprimento, que sexa capaz de sentar na mesma mesa a todos os actores políticos e sociais implicados no desenvolvemento e protección dos montes en Galicia, para analizar xuntos a complexa situación que propicia os incendios dos nosos montes, e conseguir achegar solucións consensuadas, respectuosas, e duradeiras a longo prazo.
A Xunta de Galicia, con cada incendio dos nosos montes, ten unha nova oportunidade de falar cos interlocutores que coñecen a problemática do noso monte e sentar as bases do futuro sustentable do rural e o monte en Galicia, e EQUO Galicia espera que esta vez sexa aproveitada polo Executivo de Feijóo para iso. O contrario, non tería xustificación posible.