EQUO Galicia fai a súa valoración sobre os resultados da Alternativa Galega de Esquerda

EQUO Galicia celebrou este sábado 27 de outubro en Santiago de Compostela unha Asemblea Extraordinaria para valorar a campaña electoral así coma os resultados obtidos nestas eleccións pola Coalición Alternativa Galega de Esquerda. Expresamos a nosa satisfacción pola consecución dun grupo parlamentario propio e a superación de todas as previsións ao alcanzar 9 escaños no Parlamento Galego.

A análise de EQUO Galicia sobre a coalición Alternativa Galega de Esquerda leva á conclusión de que a súa fortaleza está na súa radical unidade da esquerda galega con vocación aperturista doutras forzas políticas que manteñan esta filosofía aberta á Democracia Participativa.

EQUO Galicia renova este compromiso coa coalición Alternativa Galega de Esquerda con vocación de ser o voceiro da cidadanía activa de Galicia; revelándonos contra o actual sistema que está a destrozar os dereitos das clases traballadoras aumentando
inaceptablemente as desigualdades sociais. Desde EQUO Galicia reivindicaremos un verdadeiro camiño de Equidade social que sexa consecuente cos nosos recursos naturais para acadar a sustentabilidade de Galicia.

Enviamos a toda a cidadanía unha mensaxe de agradecemento pola súa confianza depositada en Alternativa Galega de Esquerda e asumimos a responsabilidade que iso conleva comprometéndonos a defender as demandas cidadás en prol dos Dereitos Sociais e do Medio Ambiente.