Equo Galicia expresa a súa preocupación ante os numerosos casos de corrupción que rodean ás distintas institucións do Estado. Dende a Xefatura do Estado, pasando polos órganos do poder xudicial e agora, co recente escándalo do presunto financiamento ilegal do Partido Popular con conexións co caso Gürtel, o propio Presidente do Goberno e polo tanto o poder executivo están implicados en diversos escándalos.
Así, Equo Galicia manifesta a súa total desaprobación ante estas maneiras de actuar que non levan senón ao desprestixio da actividade política, que debería ter como único obxectivo traballar polo ben da sociedade.
En relación ás informacións que salpican ao PP de Galicia a través do seu ex-secretario de organización Pablo Crespo, Equo Galicia considera que se deben aclarar esas informacións e depurar as responsabilidades correspondentes se estas resultan veraces.
Así mesmo, Equo Galicia esixe ao presidente do Goberno do Estado que resolva a situación política interna no PP, que presente a súa dimisión, e consecuentemente convoque eleccións anticipadas.