A formación política ecoloxista fai un chamado á responsabilidade de todos os actores e ao rexeitamento de posturas electoralistas.
Unha convocatoria que responda única e exclusivamente a criterios sanitarios. Isto é o que EQUO Galicia demanda de cara á eleccións autonómicas, que previsiblemente, o presidente Alberto Núñez Feijóo fixará no vindeiro xullo. Dende o partido ecoloxista galego entenden que o primeiro que se debe facer é atender á situación do momento e poñer por diante de todo os dereitos das persoas tanto á saúde e a seguridade como ao sufraxio.
“Non podemos permitir que os intereses partidistas se poñan por riba da saúde e a seguridade das cidadás galegas. Do mesmo xeito, tamén entendemos que as galegas teñen dereito a elixir as súas representantes sen prolongar en exceso un Parlamento en Deputación Permanente xa que foi disolto o pasado 11 de febreiro” resaltou a covoceira de EQUO Galicia, Susana Mariz.
Por outra banda, a formación ecoloxista empraza a todos os partidos a actuar con responsabilidade política deixando de lado polémicas electorais xa que minan a confianza das persoas nos partidos políticos en xeral, e isto, imposibilita á democracia. “Cremos que os criterios científicos ou sanitarios son os únicos que debemos seguir para esta convocatoria. Nós temos claro que tanto as eleccións como a campaña correspondente só deberían realizarse cando estean superadas todas as fases da desescalada” expresou o covoceiro de EQUO Galicia, Néstor Vázquez.