EQUO Galicia esixe á Xunta os informes técnicos nos que se basea a autorización da caza do xabarín durante o estado de alarma

Estes días a Xunta ven de autorizar a caza do xabarín en pleno estado de alarma pola crise sanitaria. En EQUO Galicia, pensamos que esta é unha medida indignante deseñada soamente para contentar as Federacións de Cazadores e que as razóns aducidas son excusas para poder autorizar esta actividade. Vimos, por este motivo, de solicitar formalmente á Consellería de Medio Ambiente os informes técnicos nos que se basea a decisión de autorizar as batidas.
 
Dende a nosa formación política, entendemos que estas actividades non son prioritarias durante o estado de alarma, ademais de que a caza non pode ser un método aceptable como xeito de control da poboación de animais salvaxes xa que hai moitas formas non cruentas de protexer os campos e evitar os accidentes de tráfico.
 
Por unha banda, se aduce que os xabaríns son perigosos xa que poden provocar accidentes nas estradas. Ante isto, nós propoñemos que se melloren as medidas de prevención con elementos disuasorios luminosos ou a xeneralización do doble valado reforzado, delimitación de zonas con recursos olfativos, comedeiros forestais, control das fontes de alimentos ou a mellora dos espazos naturais onde se lle proporcionen recursos e cobixo. Todo isto faría que a fauna non se desprazase a zonas urbanas, vías de comunicación nin zonas de cultivo.
 
Todos estes métodos serían tamén efectivos para protexer á actividade agrícola, que é outra das razóns que se aducen. Na nosa opinión, pensamos que os labregos están hoxe moito máis afectados polos peches dos mercados de proximidade non sedentarios que polos propios xabaríns, que, como xa expresamos, poden ser controlados doutros xeitos.
 
Asimesmo, consideramos lamentable que se autorice aos cazadores a saír ao monte para cazar mentres que, ata onte, non se permitía cultivar e recoller alimentos das hortas que estiveran a máis de 500 metros da propia vivenda, sendo unha actividade moito máis segura e necesaria que a caza.
 
Queremos lembrar ademais, que as especies salvaxes deben ter o seu propio espazo e a conservación dos ecosistemas é necesaria. A recuperación do monte tradicional galego e a deseucaliptación sería unha medida moito máis efectiva á hora de manter aos xabaríns lonxe dos cultivos, estradas e asentamentos humanos, xa que proporcionaría o sustento que estes animais precisan.
 
Como vemos con esta pandemia, a protección destes espazos frea a propagación de enfermidades de transmisión de animal a humanos como é o COVID-19.