Supermercados e grandes superficies abertos e mercados de proximidade non sedentarios pechados. Esta é a realidade que temos en Galicia e no resto do Estado durante o día internacional da loita labrega. En EQUO Galicia non queremos deixar pasar esta efeméride sen facer notar o noso malestar ante o trato desigual que están recibindo as labregas e o recorte de opcións que están recibindo os consumidores aos que se lles está dificultando o acceso directo aos produtos alimentarios frescos sen necesidade de intermediarios.
Dende o noso partido, tememos que situacións como a de agora sirvan para reforzar a posición negociadora da gran distribución con respecto ás produtoras, empobrecendo deste xeito, a unhas traballadoras esenciais tanto na crise climática como na sanitaria.
Por outra banda, queremos lembrar a incrible importancia da labor das labregas á hora de defender a soberanía alimentaria e o seu papel esencial na transición ecolóxica pasando dun modelo agroindustrial a un agroecolóxico. Temos en Galicia unhas condicións perfectas para dar este salto, por isto, esperamos que esta crise sanitaria non supoña un atraso en todo o que se ten acadado ata o de agora. Especialmente, tendo en conta, que a agricultura ecolóxica ten cara de muller no noso país.
Deste xeito, esiximos a Consellería de Medio Rural que escoite a organizacións como o Sindicato Labrego Galego (SLG) ou a Federación Rural Galega (FRUGA) que mesmo teñen elaborado un protocolo para reabrir os mercados de proximidade axilizándolles o traballo técnico. O noso goberno autonómico podería tomar exemplo de otras comunidades autónomas como Euskadi onde desde onte xa se poden levar a cabo este tipo de actividades. Ademais puxémonos en contacto con esta Consellería para manifestarlles o noso malestar neste eido.
Por todas estas razóns, queremos animarvos a que apoiedes ás labregas que fomentan a transición ecolóxica. Mentres a Consellería de Medio Rural non atende ás súas peticións, podedes usar o directorio do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) que vos deixamos máis abaixo para contactar con elas e acceder aos seus produtos.
https://www.craega.es/venda-directa-ao-consumidor-guia-de-produtores-ecoloxicos/