EQUO Galicia e Encontro cidadán por unha Marea Galega aspiran a unha candidatura que represente á cidadanía galega no Estado

EQUO Galicia e Encontro Cidadán por unha Marea Galega mantiveron unha reunión que tivo lugar en Santiago de Compostela o xoves 3 de setembro ao efecto de intercambiar as súas visións ao respecto do proceso de constitución dunha candidatura de unidade popular. A xuntanza resultou altamente frutífera, constatándose unha grande  coincidencia entre ambas propostas.

Entre os aspectos que integran a visión compartida polas dúas organizacións salienta a necesidade de impulsar un proceso construído de abaixo a arriba cuxa resultante debe ser un instrumento de empoderamento cidadán. Nese sentido, o proceso debe apoiarse en ferramentas como as primarias, mecanismos directos de rendición de contas ou a elaboración participativa dos programas. Neste punto, coincidimos en que unha parte central do diálogo debe atender aos contidos do programa.  Se ben a convocatoria electoral máis próxima son as eleccións xerais, tanto o Encontro como EQUO consideramos que o proceso debe continuar construíndose para as eleccións autonómicas.

Cabe destacar que EQUO manifestou a súa disposición de fortalecer a compoñente cidadá dunha candidatura de unidade popular que responda aos obxectivos e instrumentos anteriormente citados. Así mesmo, expresou unha posición favorable a que se concrete a xuntanza do 12 de setembro proposta aos diferentes actores políticos desde Encontro por unha Marea Galega nesta rolda de contactos.