EQUO Galicia manifesta a súa disposición a incluir no seu programa e defender as propostas mencionadas no informe “Un programa pola terra” asinado por diversas asociacións ecoloxistas galegas.
Dado que un dos principios de Equo é defender a sustentabilidade, tanto ambiental como económica, as cuestións que dende o movemento ecoloxista galego se veñen reclamando entran directamente dentro das perseguidas por esta organización.
Galicia ten a necesidade cada vez máis urxente de dar un xiro ás políticas que se veñen desenvolvendo até o de agora, para apostar pola defensa do medio ambiente, tanto co obxectivo de preservar a natureza como de mellorar a calidade de vida das galegas e galegos.
Apóstase polo tanto por que a política levada a cabo dende as institucións sexa unha política sustentable, o que permitirá a xeración de máis postos de traballo de calidade en forma de ‘emprego verde’.
Así pois, EQUO Galicia comprométese a facer súas ditas propostas coa intención de que as asuma o próximo goberno da Xunta de Galicia.
Compostela, a 14 de Setembro de 2012.