EQUO Galicia busca a primeira representación verde no Parlamento que traballará para acometer una transición ecolóxica xusta para todas

O ecoloxismo galego que EQUO Galicia representa se mobiliza para acadar representación na cámara autonómica co obxectivo de por en práctica medidas institucionais para emprender unha transición verde e xusta que non deixe ninguén atrás. “Queremos que a recuperación da nosa economía se basee en políticas de futuro que eviten crises coma a da COVID-19 ou as resultantes do cambio climático. É crucial que o noso partido estea no Parlamento de Galicia para dar voz a todas aquelas que non concordan co rumbo produtivista e destrutivo que ten actualmente o goberno autonómico de Feijóo” afirmou o candidato á Xunta de Galicia, Alberto Prieto.

A formación ecoloxista comeza a campaña con moita ilusión xa que nestas eleccións hai moito en xogo tanto para a preservación da biodiversidade da comunidade como para levar a cabo as políticas necesarias que leven o desenvolvemento ecolóxico ás cidades e ao rural galego. Neste eido, os candidatos de EQUO Galicia manifestan que é incriblemente triste ver como a potencialidade ecolóxica do país se estraga por falta de impulso ou medidas na dirección errada dende á Xunta de Galicia. “Somos conscientes de que a estrutura económica tradicional de Galicia ten uns vimbios inmellorables para a transición ecolóxica xa que a riqueza, os montes e as terras están moi repartidas, o cal podería ser un clima estupendo para impulsar o cooperativismo e a economía social. Porén, a Xunta teima nos grandes proxectos, na concentración en grandes empresas estranxeiras e no espolio tanto do rural como das veciñas que nel viven” explicou Prieto.

O partido ecoloxista ten moi claro que a Xunta debe empezar a camiñar de forma urxente no rumbo adecuado para que a transición ecolóxica non afecte á cidadanía, senón que sexa un motor económico de prosperidade e riqueza para todas. Por esta razón, é urxente comezar a transformar o público e apostar por un modelo de xestión na Sanidade, na Educación e nos Servizos Sociais que sexa garante dos dereitos de todas. “Non pode ser que moitos destes servizos estean en mans de transnacionais cuxo único interese é o beneficio económico pasando por riba da calidade que merecen as usuarias e dos dereitos das traballadoras neses sectores. Temos que reverter todos eses anos de desinvestimento nos servizos para que crises como a da COVID-19 non nos atopen coas situacións de desigualdade que estamos a vivir” explicou o candidato á Xunta de Galicia de EQUO Galicia, única forza plenamente ecoloxista que concorre a estas eleccións autonómicas.