EQUO Galicia apoia aos profesionais da CRTVG nas protestas de Defende a Galega

Este venres é o 108 venres negro na CRTVG. Todo ese número de venres durante os últimos dous anos son os que levan os traballadores da Compañía de Radio Televisión Pública de Galicia reclamando a súa autonomía profesional fronte á manipulación informativa e o desmantelamento do servizo por parte do goberno da Xunta.

Estas protestas, que organizan os xornalistas baixo a etiqueta Defende a Galega, denuncian que as manipulacións son moito máis evidentes en épocas electorais xa que o goberno de Feijoo usa os medios de todas como plataforma incesante de publicidade ao seu favor. Denuncia que as voces críticas co PP son automaticamente silenciadas e que se seleccionan os contidos, as axendas, os enfoques e a disposición de noticias para favorecer sistematicamente ao goberno mentres que se prexudica a todos os outros actores políticos. Non é que o digamos nós; dino os propios profesionais da CRTVG.

Mentres desaparecen as desconexións locais da Radio Galega e a produción propia e se reducen o número de delegacións territoriais, aumenta a subcontratación de contidos á terceiros e se desiste do servizo público que significan uns medios de titularidade pública. Lamentamos que os cartos que todas as galegas aportamos non redunden na calidade da radio e a televisión senón que se malgasten en obras como a que o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, gastou en remodelar o seu despacho o cal nos custou 76.000 euros.

Dende EQUO Galicia apoiamos a estes profesionais nas súas protestas e demandamos que se cumpra a Lei de Medios de 2011 e que, finalmente, se cree un Consello de Informativos que traballe por garantir a independencia na CRTVG. Unímonos á súa reivindicación pola dignidade profesional e invitamos a todas as galegas a que se unan xa que sen medios independentes non hai democracia.