EQUO Galicia apoia a reivindicación dos veciños de Sarria

EQUO Galicia apoia aos veciños de Sarria na defensa do seu patrimonio histórico e medioambiental contra as construcións faraónicas do PP local

Foto da concentración de protesta en Sarria

EQUO Galicia apoia aos veciños de Sarria, Lugo, que dende a Plataforma Sarriana polo Río están a difundir os motivos polos que se opoñen ás obras de encanamento do río que xa comezaron e que se están a executar con fondos europeos.

Este proxecto non aborda as zonas que verdadeiramente causan as enchentas e non se actúa sobre os regatos que contribúen ás inundacións en varias zonas de Sarria. Como eles din no seu manifesto: «Ao non actuar de forma integral sobre os ríos Sarria e Celeiro, nin sobre os regatos e regos que verten as augas aos mesmos, os riscos e problemas que causan as inundacións non se corrixen senón que aumentan gravemente».

O proxecto é un claro despilfarro de fondos públicos que se destinarán a gastos de ornamento e urbanización nun posto histórico para a vila, coa tala de 200 árbores, ameneiros que non se atopan enfermos en Sarria contrariamente a outros pobos en Galicia. Por riba, sustitúese a varanda do Malecón, deseño dun artista local, por unha feita de vidro e aceiro, e atácase o patrimonio histórico-artístico, etnográfico, cultural, ambiental e paisaxístico de Sarria. Isto materialízase, entre outras cousas, en que se derruban dúas pontes, a ponte do Toleiro e a ponte de Calvo Sotelo (antiga ponte de ferro, con base do século XIX), ademais de danar un petril medieval da ponte Ribeira.

Con estes argumentos, dende EQUO Galicia apoiamos á Plataforma Sarriana polo Río e ás persoas que se manifestaron o domingo e que dende a madrugada do luns permanecen encadeadas ás arbores para evitar a súa tala.

Con eles esiximos:

  1. A inmediata paralización das obras de execución do encanamento que se están a levar a cabo no río Sarria.
  2. A urxente elaboración dun novo plan e un novo proxecto que trate os ríos Sarria e Celeiro e os regatos que neles verten de forma integral e respectuosa cos mesmos e co patrimonio de Sarria, tanto histórico-artístico, como etnográfico, cultural, ambiental e paisaxístico, tendo moi presente o enclave da vila no Camiño de Santiago e destinando os fondos públicos dos que se dispón ao fin para o que foron concedidos.
  3. A urxente execución do proxecto que así resulte aprobado.

Faixa da Plataforma Sarrriana polo Río