EQUO firma as medidas propostas pola “Plataforma Nostián Solución” para dar viabilidade económica e ambiental á planta de resíduos

O venres 24 de Abril a “Plataforma Nostián Solución” presentou as “Medidas básicas propostas pola plataforma NOSTIÁN SOLUCIÓN aos grupos políticos diante das eleccións de maio de 2015”.

EQUO A Coruña e Bisbarra asinou o documento que contén as seguintes propostas:

  • Transparencia en todos os procesos de xestión dos residuos, con acceso á información por parte das cidadanía en xeral e dos colectivos e entidades sociais.
  • Abrir canles de diálogo entre os colectivos e entidades sociais e as administracións responsábeis da xestión dos residuos.
  • Retomar e centrar os esforzos na educación ambiental e na concienciación e explicación do modelo de xestión e da recollida separada nos fogares, considerándoo como a condición chave para que a reciclaxe funcione.
  • Adoptar os cambios necesarios en Nostián para a elaboración de compost coa fracción orgánica recollida separadamente na orixe (contedor verde), esixindo da empresa o cumprimento das condicións da concesión e os obxectivos para os que foi creada a planta.
  • Introducir melloras no modelo de recollida separada en orixe, en particular a recollida porta a porta naquelas áreas onde resulte viábel, en particular na área metropolitana, así como nas Ordenanzas Municipais relacionadas coa xestión do lixo.
  • Revisar as condicións dos contratos de recollida do lixo para adecualos aos obxectivos de recollida separada avanzada que estipula a lexislación en vigor.
  • Fomentar a compostaxe doméstica en ámbitos de asentamentos dispersos e alí onde hai vivendas con horta ou xardín, así como en a compostaxe comunitaria en espazos públicos urbanos.
  • Incentivar un consumo responsable tendente á redución do lixo, apoiando ás redes de consumo responsable e a produción local e de tempada.
  • Adoptar as medidas urxentes necesarias para limitar os impactos ambientais da actual xestión (vertedoiros sen selar, vertidos incontrolados, destinos descoñecidos dos residuos…) con vistas á súa erradicación definitiva.

nostian

Rolda de prensa dos representantes da “Plataforma Nostián Solución” no acto de sinatura das formacións políticas.