Ligazón á páxina federal de EQUO: http://partidoequo.es
EQUO (tamén escrito como Equo e eQuo, e moitas veces abreviado coa letra Q) é un partido político español, nacido como fundación en setembro de 2010 e establecido como partido en outubro de 2011. O partido baséase nos principios de horizontalidade, transparencia, federalismo, construción común e participación democrática. As súas propostas encádranse dentro da ecoloxía política, a sustentabilidade, a equidade social, os Dereitos Humanos e a democracia participativa.
EQUO contou desde os seus inicios co apoio do PVE (Partido Verde Europeo), ao cal xa estaba afiliado ICV (Iniciativa per Catalunya Verts). EQUO e ICV asinaron un acordo no cal se establece o marco de colaboración entre os dous partidos, que os establece como referentes da esquerda verde e a ecoloxía política no estado español e en Cataluña respectivamente.
EQUO concorreu ás Eleccións Xerais de 2011, ben en solitario ou en coalición, en todo o estado español agás Lugo, Teruel, Zamora, Palencia, Ceuta e Cataluña. O cabeza de lista, elixido por primarias abertas, foi Juan López de Uralde, ex-presidente de Greenpeace España e referente do ecoloxismo español.
De momento, e ata o Primeiro Congreso de EQUO, que se celebrará o 7 e 8 xullo de 2012, a estrutura territorial do partido baséase nas circunscripcións electorais das Eleccións Xerais (provincias, cidades autónomas e illas). Actualmente ten 44 asembleas territoriais constituídas, e todas elas contan con Mesas de Coordinación. Dúas persoas de cada territorio fan as funcións de portavocía na Mesa Federal.
Ademais, o partido conta cunha Comisión Xestora de 16 membros. Dez deles (Juan López de Uralde, Alejandro Sánchez, Florent Marcellesi, Verónica Juzgado, Cecilia Carballo, Pepa López, Reyes Montiel, Mario Ortega, Mónica Oltra e David Abril) formaban parte da Comisión Promotora, e pasaron a formar parte da Xestora tras a Asemblea Constituínte de EQUO en outubro de 2012. Os outros seis membros (Inés Sabanés Nadal, Itziar Aguirre Jiménez, José Larios Martón, Raúl Gómez Vázquez, Rafael Fernández-Font Pérez e Xiana García Freire) foron elixidos por votación de tódalas persoas afiliadas en febreiro de 2012.