EQUO denuncia a intención da Xunta de Galicia de asfaltar Rede Natura nas obras da PO-308 e valora a interposición de accións xudiciais para defender o noso patrimonio natural.
-
Denunciamos as obras da PO-308 como despropósito ambiental.
-
EQUO valida e refrenda o posicionamento da plataforma veciñal que veñe reivindicando a defensa do espazo natural onde pretenden executar as obras.
-
Dende a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, consideran lexítimo o proxecto.
EQUO Galicia apoia e comparte as reivindicacións da plataforma veciñal de Sanxenxo que defende aproveitar as obras de mellora da PO-308 para recuperar unha zona da praia da Lanzada pertencente á Rede Natura. Esta figura de protección europea outórgase para aqueles espazos naturais que dispoñen duns valores ambientais que os fan de especial protección. “No tocante ás autorizacións necesarias para levar a cabo determinadas actividades ou obras en espazos naturais protexidos, na Rede Natura 2000, van rexer dúas directivas que regulan ditos espazos: directiva hábitats e directiva aves. O Complexo intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira figura como espazo protexido pola súa biodiversidade”, apuntamos desde EQUO.
Por outra banda, EQUO está pendente de recibir, dende a súa oficina en Europa, o estudo de impacto ambiental da obra, trámite preceptivo para avaliar as consecuencias ambientais da obra. Desde EQUO denunciamos que “Este documento, ao cal podemos acceder lexitimados pola lei Aarhus, non nos foi entregado por ningunha das administracións ás que llo solicitamos, bloqueando o acceso á documentación ambiental e omitindo a transparencia da que fai alarde o partido do goberno”.
Hai que ter en conta que, para este tipo de obras situadas en espazos naturais protexidos, a administración debe xustificar as mesmas no interese xeral. Os conceptos de utilidade pública e de interese xeral non son cláusulas retóricas senón auténticos conceptos xurídicos que vinculan aos poderes públicos como un canon limitador.
Os motivos de seguridade aos que fai referencia a administración non son argumentos válidos. Se a estrada se desviara da zona de Rede Natura, paralela á zona de protección, si se podería mellorar a seguridade, xa que a zona, tal e como aconteceu este inverno, está continuamente azoutada polo vento, area e outros condicionantes que poñen en perigo ao tráfico rodado e peonil. Este inverno a pasarela de madeira saíu voando e caeu na estrada, sen provocar danos porque nese momento non transitaba ninguén polas dúas infraestruturas.
Reclamamos que todas as administracións implicadas colaboren para lograr cumprir os obxectivos que impón a Rede Natura 2000 que avoga pola recuperación dos espazos naturais pondo en valor a súa riqueza ambiental, sobre todo cando hai unha alternativa fácil e viable e que garanta o respecto e o futuro desa zona protexida. Por todo isto non descartamos a interposición de accións xudiciais na defensa do noso patrimonio natural e contra a posible prevaricación que se agacha detrás deste despropósito ambiental.